Opinión

Noticias arrepiantes

Con certa frecuencia, os medios de comunicación social veñen publicando noticias da India que producen nas xentes de aquí un gran arrepío. Si. Nesa India do Mahabharata, do Ramayana, do Pachatantra, do Jitopadesa; e nesa mesma India de Mahatma Gandhi, de Nehru, de Indira Gandhi, de Rabindranath Tagore.

País con 23 estados independentes, e cunha gran diversidade de linguas, relixións, costumes e culturas. Onde a tecnoloxía máis avanzada convive cunha taxa de analfabetismo das máis altas do mundo. E a riqueza dos máis ricos, coa miseria dos que nada teñen. País onde a ascendencia marca, dende o momento do nacemento, a calidade de vida que espera ó recén nacido. Sociedade estruturada en castes, dende a dos brahmáns, que gozan de tódolos privilexios, ata o grupo dos desclasados, aos que non asiste case ningún dereito (e ningún, se son mulleres). Organización sociolaboral propicia para a explotación dos traballadores, sobre todo os do medio rural (de novo, coas mulleres como máis prexudicadas).

Certo é que algo se leva avanzado, pero pouco e lentamente. E con diferenzas entre os distintos estados, as distintas zonas e os distintos medios (urbano ou rural). Sendo así, non é de estrañar que de cando en cando nos cheguen noticias da India humillantes, aldraxantes, estremecedoras. Por ir ás máis recentes:

Segundo publicaba Europa Press a semana pasada, cada 22 minutos denúnciase na India unha violación (cifras que se quedan curtas xa que, na realidade, a maioría das violacións quedan sen denunciar). Unha multitude aforca a un mozo e a súa noiva que tiñan prohibido verse, por pertencer ela á caste brahmánica e el a unha clase moi baixa. Violan a dúas nenas dalits (desclasadas, intocables), e logo cólganas dunha árbore. Mulleres das crases máis baixas vense obrigadas a recoller coas súas propias mans excrementos dos váteres, non recibindo outra remuneración polo seu traballo que restos de comida. Moza dalit, violada e estrangulada. Etc. etc. Iso si, como avance, agora xa non se queima viva á viúva na pira funeraria do esposo morto; práctica moi estendida en tempos.

Claro que, isto, nun país que conta con 1.300 millóns de habitantes. Tantos como en Europa, Estados Unidos, Xapón e Australia xuntos.

Te puede interesar