Opinión

Responsabilidade

Recollía hai uns anos, nesta columna, un incidente ocorrido na zona xogos do parque de San Lázaro de Ourense, onde unha nena de cor negro de catro/cinco anos (e moi limpa, por certo) fora empurrada por un cativo, da súa mesma idade, cando ela intentaba achegarse ó grupo de compañeiros deste. Empurrada de maneira violenta, ao tempo que lle dicía moi enfadado: Márchate de aquí. No queremos jugar contigo porque nos manchas.

Incidente, aquel, que se me veu á memoria cando, vai uns días, souben das palabras que unha nena do terceiro ciclo de Educación Primaria lle dirixiu a unha compañeira de clase: Vaya ropita, chica, vaya ropita. ¡Que elegancia! Supongo que tu madre te la habrá comprado en un mercadillo.

Éche cousa de rapaces dirán algúns, e que non ten ningunha importancia. Ningunha. 

Pois, claro que é cousa de nenos. Po suposto que si. Mais, ¿incidente sen ningunha importancia? Non se trata de culpar aos autores de tales frases, xa que, dada a súa idade, qué culpa van ter. Pero reaccións que, se repetidas, poden deixar marcas, as veces moi fondas, nos compañeiros rexeitados. Rexeitada, aquela, pola cor da súa pel; e rexeitada, esta, pola humildade da súa vestimenta. Que outros días, noutros lugares, e outros nenos, poden sufrir expresións de desprezo pola súa linguaxe, polo país de procedencia, polas súas crenzas relixiosas, por algunha tara física, por deficiencia mental. 

Xa que os nenos, non culpables, ¿a quen culpar, entón? Nun principio, máis que de culpabilidade, habería que falar de responsabilidade. Responsabilidade no exercicio dun deber. Deber da formación do fillo, por parte da familia. Deber da educación do alumno, por parte do sistema educativo. Unha formación na que poden, deben, colaborar outros organismos, outras institucións. Unha formación que, á súa vez, estará condicionada polo grupo de amigos, polo entorno no que se desenvolve, polos costumes do lugar, polas “modas”, polo momento. Pero, salvo excepcións, o vivido na familia, o aprendido na escola, seguirá incidindo, no futuro, na vida da persoa.

De aí, a necesaria colaboración entre a familia e o centro escolar. Para intercambiar informacións, contrastar opinións e compartir obxectivos e estratexias. Mala cousa sería que pase todo un curso sen celebrar ningunha entrevista entre pais e profesores. Ou, o que aínda é peor, en aberto enfrontamento, incluso por cuestións anecdóticas, entre uns e os outros. Mala cousa sería.

Te puede interesar