Opinión

Un oso chamado Fermín

Foi na aldea onde vivín uns parentes nosos (aldea, a uns quilómetros de Viladerrei) na  que presenciei, xunto cos meus primos, o espectáculo do que deseguido lles dou conta. Aclarando antes de seguir  que eu, en plena adolescencia, nunca vira ata entón unha comedia tan lanzada. 

“El espectáculo más encantador del mundo! Los animales más fieros del universo. Los acróbatas más flexibles que la cintas de goma. Los malabaristas más increíbles. La equilibrista más arriesgada. La payasa más simpática del universo. Los cantantes más famosos de Madrid. La bailarina más, más, más…(los hombres ya me entienden)!”. Que así fixeran anuncios por cada recanto do pobo. 

Efectivamente, si había algo de cante. E payasadas bastante graciosas. E un equilibrista que non se manexaba nada mal. Tamén un individuo que metía unha man na boca dunha raposa famenta. E algo de baile sensual (coas limitacións que impuñan as normas da época). 

 Pero, polo que se vía, todo o mundo esperaba impaciente a actuación do oso, verdadeira estrela daquel espectáculo fascinante. “Señoras y señores, con ustedes el oso que hace las mismas cosas que las personas humanas (sic)”. E o oso, posto de pé e ataviado cun sombreiro de seitura, daba unhas cantas voltas polo escenario. Parábase, rascaba a barriga, refregaba as mans, abría a boca desmesuradamente, e mirando cara ó publico facía dúas ou tres reverencias, levando unha man ó sombreiro. Todo isto con moita parsimonia. Logo, seguindo o ritmo da pandeireta que tocaba o seu adestrador, ensaiaba torpemente uns pasos de baile que en algún modo podían recordar os aires dunha muiñeira ou dunha xota aragonesa. “Distinguido público. ¿Verdad que este oso se comporta como las personas auténticas? La función ha terminado. Un fuerte aplauso para el simpático animalito”: Berros de protesta entre os asistentes. O público quería máis; o alboroto subía de ton a cada segundo que pasaba. De pronto, o adestrador saía ó centro do escenario e, coma convencido, pedíalle ó persoal que se serenase. Logo, dirixíndose ó oso: “Al respetable público no le ha gustado del todo tu actuación. Los presentes quieren nuevas muestras de tus habilidades, y tienes que complacerlos. Fermín  era o nome que lle daba ó oso  ofrece a este distinguido público el arte que llevas dentro. Si si, todo el arte que llevas dentro. ¡Adelante!”. E o animal, que seguira as instrucións do seu amo coa atención propia dunha persoa, subía de novo ó escenario e, agarouchado de cu para a xente, púxose a facer as súas necesidades maiores á vista de todos.¡”Fermín, Fermín, Fermín”!  A grandeza do espectáculo chegaba a súa máxima expresión. Ao menos, así o daban a entender os asistentes que, lonxe de ofenderse, celebraban a broma con gargalladas estrondosas;  e agora si, nun final de delirio  sen aforrar aplausos e aclamacións.

Te puede interesar