Opinión

Algo máis que viño

Nestas datas de vendima, cando moitos dos lugares máis senlleiros da provincia amosan unha fonda transformación na súa dinámica cotián, cómpre facer unhas reflexións sobre a situación presente e futura do sector vitivinícola.

O viño posicionase nun lugar salientable dentro do sector primario. En concreto, pese a non se atopar a niveis comparables aos de outras zonas maior tradición dentro do Estado español, a ocupación de case o 20% da superficie das explotacións galegas reflicte que nos atopamos ante un sector fundamental do noso agro. Se atendemos ás cifras de emprego, o sector supón case o 5% dos traballadores galegos na industria alimentaria, porcentaxe que descende ata o 3% cando se considera o importe das vendas.

Con carácter xeral, a evolución recente do sector debe ser cualificada de favorable, especialmente no que atinxe á tarefa realizada polas cinco denominacións de orixe existentes en Galicia. Estas representan a produción dun produto de calidade que constitúe un dos principais trazos para consolidar a súa evolución futura. En todo caso, non está todo feito, se non todo o contrario e como principais retos ou desafíos inmediatos serían catro os que mencionar: innovación, concentración, diversificación e internacionalización.

Sobre o primeiro deles, a innovación, hai que sinalar a necesidade de afondar nas novas tecnoloxías que melloran a calidade do viño. Isto poderían concretarse en dous eidos: a procura de necesidades non cubertas dos consumidores e, ao tempo, a xeración de novos conceptos e produtos vitivinícolas. Cabe aquí mencionar, a modo exemplo, os viños ecolóxicos, os viños de baixa graduación, os viños de luxo ou a comercialización de novos envases para o viño.

Un segundo aspecto, sempre presente cando se fala do sector agrario galego, ten que ver co minifundismo. Resulta innegable que esta característica condiciona negativamente a rendibilidade do sector. Pese os esforzos xa feitos, cómpre reforzar os procesos de concentración parcelaria que permitan contar con explotacións máis grandes onde os avances tecnolóxicos e de mecanización poidan ser aplicados sen ningún tipo de atranco. Ao tempo, estes deberían vir acompañados por un incremento do tamaño das empresas, para así poder competir en mellores condicións.

Como terceira tarefa pendente aparece a procura da diversificación e complementariedade e sinerxías con outros sectores empresariais. Aquí xoga un papel relevante todo o relativo ao enoturismo, onde Galicia conta xa con experiencias de éxito sobre as que pagaría a pena seguir traballando. O noso territorio dispón de todos os requisitos necesarios para poder ofertar un produto competitivo cada vez máis demandado polos turistas.

Finalmente, atopámonos nun sector en que cada vez é maior a importancia das estratexias de internacionalización. O seu futuro condiciona a actividade do sector nun contexto onde o consumo interior está a diminuír. É por iso que resulta totalmente imprescindible mirar máis aló das fronteiras para albiscar países chamados a xogar un papel relevante como consumidores de viño.

Na medida que estes catros puntos estean contemplados nas estratexias e políticas a curto e medio prazo, as garantías de éxito para o sector veranse reforzadas.

Te puede interesar