Opinión

Á espera de cuerda

Acinefilia está de noraboa. Parece que no mes de novembro pasarán nas salas de cinema o novo filme de José Luís Cuerda. Tiempo después presentouse neste último Festival de San Sebastián, e, segundo as opinións, xa publicadas en diferentes medios, podemos ter a seguridade de que o director volve á liña surrealista das celebradas Total, Amanece que no es poco e Así en el cielo como en la tierra. É difícil atopar un adxectivo que reflicta a xenialidade de Cuerda. Ocórrenseme, por exemplo, estes: enxeñoso, audaz, rompedor, divertido, fresco, sarcástico, visionario e necesario. Necesario porque nos fixo rir moito e isto agradecémosllo enormemente. Daquela, despois de moito pensar adxectivos quedeime co de crack. Sei que non é nada orixinal, nin galego. No entanto, gosto da súa sonoridade. 

Paréceme que Cuerda ten xenialidade sobrada como para dicirmos del que é un crack. Aí están aqueles tipos estraños de Amanece que no es poco que nacían da terra e podían “agostarse” ou aqueloutros/as que se reunían no concello para saber os resultados electorais. Hilarante aquela explicación do alcalde deses resultados. Fagamos memoria: “En resumen, hemos ganado los de siempre, o sea, yo, alcalde. De cura, don Andrés. De maestro no se ha presentado nadie, o sea, que sigue don Roberto. De puta, Mercedes. También han salido cinco adúlteras, pero bueno, esto ya se lo diremos a ellas, para que los maridos, si quieren, se enteren y si no, pues no. Monja, no hay. Que no ha salido!...” Esta escena non ten prezo, a verdade, pero non podería afirmar que sexa a mellor de todas, porque escoller unha resulta case imposíbel. Toda a fita é tal conxunto de desatinos que nin se sabe con cal rimos máis. Entón, dado que Tiempo después recupera esa liña surrealista das tres pelis citadas arriba é natural que esteamos pendentes da estrea nas salas. 

O que sabemos, ao ler as críticas e ver o trailer, é que a peli dá conta dun futuro postapocalíptico -a acción transcorre no 9177- no que o mundo enteiro ficou reducido a un edificio, habitado polas forzas vivas, e o exterior do mesmo, onde viven miles de parados. Sóanos de algo? Eu diría que si, pois a precariedade laboral é un dos grandes problemas da nosa sociedade. Conclusión? O filme promete, así é que velo será o primeiro que fagamos todas as persoas que amamos o traballo de José Luís Cuerda, que non sei se somos lexión pero pouco faltará.

Te puede interesar