Opinión

A folga feminista

Pasou o día, pasou a romaría? Esta é unha pregunta que poderiamos facernos despois dos asasinatos que tiveron lugar en Galiza e Andalucía tras a exitosa xornada de folga do 8 de marzo. Ese día podiamos con todo. Moreas de mulleres saímos ás rúas de todas as vilas e cidades para expresar a nosa repulsa ante a violencia simbólica, psicolóxica e física que levamos aturando dende antes de Cristo. Tamén acudiron moitos homes que colaboran activamente co movemento feminista. Bravo!Tendo pois conta disto, o balance é moi positivo. 

Hai conciencia social da existencia dun problema grave ao que cómpre dar solución. Menos mal! Iso si, malia o devandito éxito e as conclusións evidentes do mesmo -a cidadanía asume que a desigualdade é real e desexa comprometerse-, vemos que os crimes continúan, así é que o conflito non se resolve. Obvio. Tal resolución non ía producirse por unha folga, a pesar da asistencia masiva de xente concienciada. Témolo claro. Aí están os tres casos destes útimos días para corroborar isto de que a cousa non se vai solucionar polo de agora. Eis o asasinato dunha muller en Valga cometido polo seu home: Javier Bello Ferreirós. Bello, de 46 anos, pegoulle un tiro a María e despois decidiu suicidarse. 

Este asasinato tivo lugar na vivenda do matrimonio, xusto dous días despois do 8M. Antes diso, outra muller galega -de Sober- fora xa asasinada, tamén cunha escopeta, polo seu marido, José Luís Pintado -81 anos-, que, como Javier Bello, decidiu suicidarse tras o crime. Algo parecido aconteceu este sábado -dous días despois do 8M- en Estepona, coa diferenza de que o autor do asasinato, de 55 anos, e do que non se indica o nome, non se suicidou. Si está ingresado por autolesións, pero vivo. Ela non. Lamentabelmente. “Una vez más, tristemente, la violencia machista golpea Andalucía -escribía o presedente da Junta de Andalucía en Twitter, e continuaba-. Entre todos -e todas, presidente, e todas!- acabaremos con esta lacra. Trabajamos firmemente para ello”. Iso agardamos, que se traballe moito e con eficiencia. Agora ben, este labor non pode limitarse a tomar medidas legais, porque eses crimes machistas forman parte da violencia do sistema, e, polo tanto, teñen que ver coa economía, a cultura e a política. Un problema de índole estrutural non se resolve poñendo parches nunha única ferida. 

Este tipo de asasinatos machistas constituen un síntoma evidente de que estamos inseridas/os nun heteropatriarcado. Daquela, o primeiro é máis importante dos cambios debería realizarse no sistema educativo, algo que esixiría mudanzas importantes noutros ámbitos como o económico, o cultural e o propiamente político. 

O tema é complexo. É certo. Tamén de difícil solución. No entanto, difícil e imposíbel non son equivalentes, así é que podemos manter a esperanza. Só necesitamos a colaboración de todas as persoas implicadas. Na sociedade non podemos estar só no allo as mulleres, porque isto afecta ao conxunto da cidadanía. Ou hai que ver como asasinan a unha muller da familia para poñerse as pilas?

Te puede interesar