Opinión

A sentenza por violación

Hoxe é mércores. Escribo pois isto sen saber aínda cal será o veredicto que o xoves, 26 de abril, se emitirá polo caso de violación do que foron acusados José Ángel Prenda, Alfonso Jesús Cabezuelo, Jesús Escudero, Ángel Boza e Antonio Manuel Guerrero, que levan xa dous anos en prisión provisional. O meu desexo é que se faga xustiza, obviamente. Polo que se leva publicado até o de agora en diversos medios de comunicación, teño a rara e desagradábel sensación de que lles poderá ir ben a estes individuos e quedar libres de responsabilidade. Pénsoo porque, segundo parece, non hai acordo entre os xuíces que levan o caso. Observo que se cuestiona á vítima, á que acusan de incorrer nalgunha contradición. En todo caso, sen pretender que opinión e verdade sexan equivalentes, é certo que dar o meu parecer é algo ao que teño dereito, así é que manifestarei aquí, nesta columna, que si creo que son responsábeis do que se lles acusa e que, polo tanto, merecerían unha sentenza ben dura. De non acontecer isto e saírense de rositas, agardo que a vítima poida recuperarse e que, de se ver con folgos, recurra a sentenza. Pensar na defensa dos acusados, irrita bastante. 

Cabrea, por exemplo, que se teña incidido na ebriedade de seu, como se o feito de ter unhas copas enriba servise para suavizar a percepción da súa conduta. Moitas persoas consumen alcohol polas noites, pero non todas entran nun portal e agreden sexualmente a outra. Ou si? É que isto de intentar eximilos de culpa por esta razón non ten nin pés nin cabeza. Outro punto de interese neste caso é o referente a actitude pasiva da vítima, que, segundo a defensa, entrou polo seu propio pé no portal e tampouco non se defendeu. Tendo conta disto, cómpre preguntarse ata que punto unha rapaza ousaría realizar tal exercicio de valentía tendo diante cinco maromos totalmente exaltados, que, obviamente, non atenderían a razóns. Eu, polo menos, non me atrevería, porque o nerviosismo e o temor se apoderarían de min. Sen dúbida. Iso de que unha soa persoa lle poida facer fronte a cinco que van a por todas é de ciencia ficción. 

Con todo este tema o que sucede é que a rapaza violada devén vítima dúas veces. A primeira, cando a violan. A segunda, cando a cuestionan e colocan o foco sobre ela. Mal, moi mal! Eles son o foco. Eles son os acusados. Eles son os que, con esa agresión, colocaron a rapaza nunha das tesituras máis humillantes ás que se pode someter a un ser humano ao utilizala coma un simple obxecto de pracer. Prezada María, eu deséxoche toda a sorte do mundo, pero, por riba de todo, desexo que teñas a forza suficiente para superar isto e facer a túa vida nas mellores condicións posíbeis. Eu si te creo, sexa cal sexa a sentenza.

Te puede interesar