Opinión

Animación xaponesa en Netflix

Yonebashi, ao fechar Ghibli, onde traballou ao carón de Hayao Miyazaki -o xenio da animación xaponesa- en filmes como A viaxe de Chihiro ou Ponyo no cantil, decidiu montar os estudos Ponoc, nos que realizou e produciu Mary e a flor da Bruxa. Esta fita é unha adaptación dunha novela de Mary Stewart, escrita e publicada nos anos setenta, isto é, dúas décadas antes da hiperfamosa Harry Potter e a pedra filosofal, que saiu á luz pública no ano 1997. Cómpre aclarar isto, porque a historia de Mary inclúe unha universidade para estudar a arte da maxia, vasoiras voadoras, animais que falan, encantamentos… Xusto como Harry Potter. Ou Harry contiña este material xusto como a novela de Mary Stewart? Ben, deixando isto á marxe, cómpre suliñar que o delicioso filme de Yonebashi xa está, ou estará en breve, en Netflix. Eis onde quería eu chegar: a Neftlix, esa suculenta bandexa cuxa oferta nos atrapa. Isto de que produza series fascinantes é unha sorte. 

A verdade é que, guste ou non, a existencia desta plataforma abriu as portas a guionistas con ideas brillantes que conseguen que todas as persoas atopen, entre as súas propostas, algo que lles interese e desfrutalo a tope. Ata aí todo ben para aqueles e aqueloutros que, nunha liña claramente elitista e rancia, non querían nin imaxinar sequera que Neftlix presentase nun festival de culto un filme, algo que aconteceu con Okja, que se incluíu, nun primeiro momento, na Sección Oficial do certame do ano pasado de Cannes. Entendo que estamos a vivir tempos de cambios continuos, que poden ser difíciles de aceptar se a nostalxia goberna as nosas vidas; no entanto, esta cousa do esplendor dixital vai collendo máis e máis forza, así é que calquera intento de frear a potencia creativa da exitosa plataforma paréceme absurdo. 

Concordo pois co excelente artigo de Ángel Sala, publicado na revista Dirigido en xullo-agosto do 2017 (concretamente no número 479), no que afirmaba sen artificio ningún que “Las nuevas plataformas de contenidos aportan los elementos necesarios para poder afrontar un territorio sobre el que hay que construír mapas entre todos los actores siendo el papel de los festivales esencial en la búsqueda de una coordinación necesaria entre los diferentes operadores. No habrá en los próximos años simplificaciones, sino que diferentes formas de consumir y asimilar lo audiovisual -e o cine, matizo eu- deberán convivir sin egos, provincianismos ni nostalgias de púlpito -isto das “nostalgias de púlpito” é brillante- que sacralizan inútilmente comportamientos de consumo superados”.

Tendo conta disto, alén de acudirmos ás salas de cinema, que nos encanta, contamos tamén coa posibilidade de ver filmes ben interesantes na casa. “El juego de Gerald” ou “Nosotros y la noche”, por exemplo, son dous suxerentes traballos que debemos agradecer á devandita plataforma que, ou ben os distribuiu ou ben os produciu. Iso sen mencionar a súa oferta de clásicos como “Matar a un ruiseñor”, ou “Sed de mal, que tamén figuran entre as súas propostas. No entanto, o plato forte de Neftlix son as series como “Fariña”, “Black Mirror”, “The sinner”, ou “La caza”, entre tantas outras. Daquela, volvendo ao principio, agardo que “Mary y la flor de la bruja” apareza xa en Neftlix para que a rapazallada de vilas pequenas e aldeas poida vela e desfrutar do talento xaponés, porque tamén hai nenos e nenas neses lugares da Galiza.

Te puede interesar