Opinión

A balada de Buster Scruggs

Morte, fatalidade, violencia, alén dun humor ao servizo do absurdo, son algunhas das constantes nos traballos dos irmáns Cohen que tamén atoparemos na serie de relatos que integran A balada de Buster Scruggs. O título procede do primeiro deles, un dos mellores na opinión da crítica. Concordo con isto, pero engadiría outro máis: The Gal Who Got Rattled. 

Na primeira das historias -A Balada de Buster Scruggs- veremos o actor Tim Blake Nelson -no papel de Scruggs- montado no seu cabalo Dan cun traxe branco, cantando ao ritmo da guitarra. Acto seguido, Buster diríxise á cámara para presentarse. Despois disto entrará nun bar cutre de foraxidos coa idea de beber whisky, pero todo se complicará... A explosión de violencia, acompañada dese riso constante do personaxe, xera  unha atmosfera estraña, moi na liña dos Cohen, que nos arrincará unha boa gargallada. Velaquí entón unha das dúas mellores desta serie de seis: a do homicida cantareiro. “Pode que sentirades falar de min -explícanos Scruggs, como se puidese vernos, e continúa-. Buster Scruggs. Tamén coñecido como o paxaro cantor de San Saba”.

Os seguintes episodios son estes: Near Algodones -protagonizado por James Franco-,  Meal Ticket -introducido, como o resto, por frases con pretensións literarias coma esta que, dito sexa de paso, favorece o buscado efecto de estrañamento: “A crueldade da misericordia non é forzada, descende como a suave chuvia dende o ceo”-, All Gold Canyon -con Tom Waits no papel dun buscador de ouro-, The Gal Who Got Rattled -o máis extenso desta serie que será, intúo, un dos favoritos do público- e The Mortal Remains, cunha fabulosa Tyne Daly. Este último traballo de Ethan e Joel Cohen, sen ser Fargo, El gran Lebowsky ou No Country for Old Men si é un moi bo filme, malia a diferenza de calidade das historias, pois as menos boas son igualmente singulares. Tamén bizarras, no sentido etimolóxico do termo, isto é, valentes e arriscadas. 

Hai que ter certa afouteza para realizar este filme sabendo como sabían que os compararían consigo mesmos... Ser xenial a tempo completo é imposíbel! No entanto, os Cohen manteñen perfectamente o tipo. Non hai caso. Agradecemos pois ese humor negro coas súas situacións absurdas, porque nos gusta pasalo ben. O cinema ofrece, entre outras, esta posibilidade: o simple e puro pracer de nos deixar levar polo que miramos. Ter non teremos o síndrome de Stendhal, pois a beleza da peli non dá para tanto, pero rir si rimos a gusto. Suficiente entón.

Te puede interesar