Opinión

A Begonha Caamaño

“A historia da muller segue sen ser contada (...) tamén a narrativa, tamén a poesía teñen que continuar a xerar debate, a xerar polémica...”.

Son palabras da escritora Begonha Caamaño, unha das voces da narrativa galega última máis interesantes, que, como moi ben afirma Goretti Sanmartín, intentou construír dun xeito novo os afectos. Por iso escribiu esa novela que nos engaiolou a todas, Circe ou o pracer do azul, unha obra epistolar que permite a Penélope e Circe, coñecerse de verdade e tratarse dunha maneira diferente, sen a figura masculina de Ulíses polo medio. A complicidade entre ambas as dúas mulleres, derivada non só dos segredos partillados, mais do agarimo e respecto con que se dirixían a unha á outra, capturou, por riba de todo, ás lectoras. Begonha era tamén así, como a Circe da súa novela, radicalmente luminosa. Vibraba nunha frecuencia distinta. Por iso sabía escoitar e acariñar ás persoas. Tiña un don. Conseguía, de xeito natural, que nos gustase conversar con ela. Se cadra, o que tanto nos atraía, era o seu riso aberto nesa mirada franca ou a atención coa que nos agasallaba mentres falabamos. Aínda que talvez for unha meiga auténtica e, simplemente, nos hipnotizaba... Nin idea. O que si teño claro é que resultaba moi agradábel tomar un café con ela, porque se podía ler nos seus ollos o que dicía. Así é que estar ao seu lado significaba, polo menos para min, estar na casa, cómoda. Eu non formaba parte do seu círculo de amigas máis íntimo, pero a cordialidade e simpatía que xurdiu entre nós, foi suficiente. Quédolle entón ben agradecida a esta muller de me ter, como ela adoitaba dicir, entre os seus afectos, porque isto me permitiu vibrar con ela nesa mesma frecuencia. Non me estraña que as súas amigas estivesen aí, ao pe do canón, acompañándoa até o final. Non me estraña porque a escritora Begonha Caamaño era, sobre todo, boa xente, fácil de querer. I ese era o seu don, a sinxeleza. I aquelas que non cantamos a rosas i frores sabemos, benquerida Begonha, que foi pracer e honra partillar contigo a flor do pan.

Te puede interesar