Opinión

Blade Runner 2049

Denis Villeneuve (Canadá, 1967), ben coñecido polo seu anterior filme -Arrival, cuxa referencia ao Reino da Galiza, en boca da actriz Amy Adams, tanto nos agradou-, lanzouse á pisicina e púxose a rodar Blade Runner 2049, que estará xa nas salas de cinema o 6 de outubro. Facer unha secuela dunha fita tan singular como a de Ridley Scott -Blade Runner, de 1982- implica un risco grande. Lémbrese que, se ben no seu momento non acadou o éxito de taquilla que se buscaba, a día de hoxe este relato fílmico é considerado un clásico moderno. Se a fita de Ridley Scott tivese pasado desapercibida polo público e mais a crítica, se non deixase pegada algunha, resultaría máis doado ofrecer algo igual ou mellor, pero a cousa non é para nada así. As imaxes da peli de Scott foron destacadas pola cinefilia, que ficou prendada dese ambiente bizarro, de estética ciberpunk, cos seus edificios abigarrados, inseridos nunha cidade norteamericana Os Ánxeles con sombras e luces de neón. 

E todo isto acompañado pola música que Vangelis compuxo para a ocasión! Ofrecer algo desta altura estética, tan novidoso e cun mesmo carácter prospectivo, non é fácil en absoluto, insisto. E se pensamos naquel monólogo final, a cousa aínda se complica máis. Porque aquelas palabras do replicante Roy Batty, murmuradas con tanta dignidade -“Yo he visto cosas que vosotros no creeríais, atacar naves en llamas más allá de Orión. He visto Rayos-C brillar en la oscuridad de la puerta de Tannhäuser. Todos eses momentos se perderán en el tiempo, como lágrimas en la lluvia. Es hora de morir”- non se esquecerán, nin esmorecerán no medio da chuvia. Vaia, que o filme Blade Runner, de Scott, é unha xoia da ciencia ficción dificilmente superábel e punto. Atrapounos a intensidade dramática de seu, o aspecto sombrío, o frío e inquietude que transmitía. 

Podiamos vernos nese universo de distopía underground atafegante sen maior problema. Tendo conta disto, para Denis Villeneuve vai ser difícil estar á altura de algo tan bo. No entanto, haberá que agardar ao 6 de outubro -xa queda menos!- e facer unha valoración xusta. Intentemos acudir á sala en actitude receptiva. A ver que pasa.

Te puede interesar