Opinión

Bob Dylan

AAcademia Sueca concedeu o premio Nobel de Literatura a Bob Dylan "por ter creado unha nova expresión poética dentro da gran tradición americana da canción". Aí queda iso. As opinións ao respecto desta decisión non se fixeron esperar. Houbo quen considerou este galardón moi xusto, argumentando que, alén dun contido fondo e comprometido, posúe un lirismo ben atraente -ademais de telo xa por un profeta-, e quen, pola contra, viu profundamente inxusto tal recoñecemento por carecer de méritos literarios.

Ante esta polémica a pregunta de sempre volve sobrevoar polos cenáculos. Que é entón a literatura? E a poesía?; Quen pode capturar esa manifestación estética da linguaxe que tanto nos embriaga?; Que determina “o poético”? Fágome estas preguntas, do mesmo xeito en que o fixeron antes outras persoas interesadas polo tema. Ao facelo teño a impresión de estar diante dun estraño abismo, e, sinceramente, ignoro o lugar ao que me conduce, porque, malia parecer unha porta de saída cara a un sitio diferente, moito máis libre, non sei eu se o é tanto. Para a crítica purista, que ve a Literatura como unha manifestación da excelencia no que se escribe, é todo máis sinxelo, ou iso parece. Hai excelencia? Hai literatura. Non hai excelencia? Non a hai e punto. 
Nisto da excelencia concordamos a maioría das que amamos a palabra, mais, quen pode determinar “o lugar” en que esta excelencia acontece? E moi importante, existe un único “lugar”? Non teño tan claro que esa excelencia só poida producirse no papel, así é que ben podería ser que Bob Dylan acadase a devandita excelencia expresiva coas letras das súas cancións, alén da profundidade do discurso que nelas se percibe. Aí está o caso de Leonard Cohen, cuxos textos, perversamente marabillosos, conseguen tocar á fibra da máis pintada.

Confeso non sentir a mesma paixón por Bob Dylan que por Cohen, mais debo recoñecer que esta ausencia de paixón non é un demérito do cantante, mais meu, que non o coñezo a fondo. Esa é a única verdade. En todo caso, creo que si podo traer a esta columna algunha que outra reflexión que considero interesante antes de soltar a lingua a pastar. Por iso volvo preguntar por ese “lugar” no que presupoñemos ten de se producir o feito poético, porque se este unicamente acontece no papel levámola clara. Iso si, que a poesía se lea pouco non ten por que conducirnos a rebaixar a calidade estética/ética da mesma, pois son das que considera máis construtivo elevar o nivel dos lectores ou lectoras, principalmente para que algo tan fascinante, como creo que é poesía, non fique nas mans dunha minoría. Isto sería moi triste, alén de redundar nun certo elitismo cultural moi empobrecedor. Daquela, á raíz desta polémica, sentínme impulsada a ler con atención o que Dylan escribiu para ser cantado e valorar o que hai de xusto ou  inxusto nese premio, ademais de volver formular a cuestión que tanto me inquieta e que volverei repetir unha vez máis. Que é a literatura? Como non quero cinguirme só a excelencia estética ou a fondura no discurso, vou poñer enriba da mesa outra cuestión que pode ser determinante: a nosa implicación no asunto. Refírome a algo que non sempre contemplamos coa mesma esixencia coa que miramos a forma e mais o contido e que ten que ver coa recepción dunha determinada manifestación cultural.

O que, concretamente? A emoción que nos transmite. Para que se entenda mellor suxerirei outra pregunta máis. Por que pensamos unicamente no que facemos coa literatura -como e de que se escribe- e non tanto no que a literatura fai de nós? E se esa capacidade de sorprender, emocionar, conmover, irritar, tivese maior protagonismo á hora de decidir que merece valor? Estaríamos, talvez, máis preto dese devandito acontecemento que entendemos ten de ser a literatura? Como a verdade é difícil de apreixar, en gran parte polo seu carácter cambiante -non todo o que foi verdade outrora aínda o é-, case mellor lemos máis e valoramos menos, polo menos durante un tempo prudencial. Talvez así teñamos máis preguntas que respostas, algo ben interesante tamén.

Te puede interesar