Opinión

"Ciutat Morta"

"Ciutat Morta", o documental dirixido por Xavier Artigas e Xapo Ortega, premio ao Mellor Documental no Festival de Málaga deste ano 2014, xa aparece completo en internet. Daquela, quen queira velo, non ha ter problema ningún. Aprovéitese pois esta oportunidade para coñecer a versión non manipulada do acontecido a noite do 4 de febreiro do 2006 nun teatro ocupado de Barcelona no que se celebraba unha festa, que, tristemente, remataría con violencia. Todo comezou coa carga da policía, que arremeteu contra a xente que estaba dentro do teatro, e acabou cunha chuvia de obxectos, procedentes da terraza do edificio. No medio do caos, sucedeu o peor: unha maceta golpeou a un policía, que tivo de ser trasaladado en coma ao hospital. A partir de aí, o pouco equilibrio existente, desapareceu, para dar paso ao máis puro desatino. Os policías, completamente exaltados ante o sucedido ao seu compañeiro, comezaron a deter persoas nos arredores do teatro, polo simple feito de estar preto dese lugar. E non só. No seu delirio, decidiron seguir buscando culpábeis en calquera lugar. 

Foi nesta procura absurda, cando detiveron á estudante Patricia Heras, que estaba nun hospital cun amigo, e, consecuentemente, non sabía nada do que pasara. Artigas e Ortega amosan con grande intelixencia neste documental, un caso claro de violencia estrutural, así denominada por producirse dentro dunha estrutura, coa complicidade daqueles e daqueloutras que, ou ben forman parte do poder, ou ben o acatan. Así é que, escoitando as voces dos detidos, e das persoas próximas a Patricia Heras, podemos comprender até que punto a policía, neste caso, consegue coa súa violencia -torturas, acusacións falsas...-, romper por dentro ás persoas. Porque, como pode sentirse alguén se, de socato, sen comelo nin bebelo, é arrestado cunha acusación de homicidio ao lombo? Un documental entón como defensa deses inocentes, que, como Patricia Heras, son, ás veces, superados pola impotencia ante unha crueldade insólita nunha sociedade “presumibelmente” demócrata...

Te puede interesar