Opinión

Cuestión de excelencia

Hai quen nace cunha flor no cu e recibe o abrazo da vida, pois dalgunha maneira esta parece poñerse da súa parte. Eu diría que este tipo de persoas constitúen a raza dos “suertudos”. Ou “suertudas”. É como se fosen en globo e lles caese do ceo, durante este paseo aéreo, unha nota que puxese “Si. Ti, si”. Está claro que Michael Keaton non recibiu unha desas notas. Daquela, tivo que gardar a súa, esa que intuímos tiña preparada para ler ao recibir o premio. Porén, inesperadamente, o seu Oscar -Keaton xa parecía contar con el- caeu nas mans do británico Eddie Redmayne, que, seguramente, alucinou tanto coma nós. Inxusto? Non o teño tan claro. Habería que precisar. Inxusto para quen? Para Keaton? E Benedict Cumberbatch? Que pasa con este pedazo de crack que tamén quedou sen Oscar?
Sinceramente, isto dos premios é un tema delicado. Faise difícil valorar o que hai de xusto ou inxusto neles. Agora ben, o evidente, polo menos para min, é que Eddie Redmayne forma parte da devandita raza dos “suertudos”. Que naceu cunha flor no cu, para que nos entendamos, porque levar un Oscar con 33 anos e cunha traxectoria ben escasa, por moi bo actor que sexa, proba unha vez máis que hai quen recibe notas de deus e quen non recibe nada de nada. En todo caso, iso foi só unha parte do que aconteceu nesa gala, chea de glamour, que montan os americanos para recoñecer, entre outras cousas, o talento interpretativo. O de que o consigan -recoñecelo- é xa fariña doutro costal. No entanto, como pensar naquilo que nos desagrada non paga moito a pena -desgasta bastante-, creo que o mellor é centrarse no que si nos alegrou do aquelarre americano. O que, por exemplo? Pois ese Oscar  tan acertado para J. K. Jack Simons como mellor actor de reparto, porque o estadounidense bordou o papel en Whiplash. Xa non é a primeira vez que Simons deixa constancia da súa capacidade interpretativa, mais, como lle aconteceu a Javier Gutiérrez, na gala dos Goya, si é a primeira vez que entra no foco de interese sistémico. A partir de agora, poderemos disfrutar del facendo papeis protagonistas. Seguro que si! Hollywood ten esa “capacidade redentora”.

Simons deixará, por tanto, ese sombrizo espazo de intersección pensado para aqueles e aqueloutras que non teñen unha desas flores no cu, porque ninguén crerá que J. K. Jack Simons naceu cun adorno deses no traseiro... Sería ben estúpido crer iso dun home que leva toda a vida traballando honestamente. En definitiva, que hai xente como Redmayne e outra como Simons. C'est la vie.

Te puede interesar