Opinión

Ensaio visual de Brodski

Axente máis nova, se non hai imaxe, non presta atención a ningunha mensaxe”, afirma Marcelo Brodski (Bos Aires, 1954). Leva razón, o discurso elaborado con palabras, explicativo e con claras intencións pedagóxicas, parece non ter moito efecto a día de hoxe. Daquela, na opinión de Brodski, amosar o que, tradicionalmente, se intentaba describir coas palabras usando agora fotografías si funciona. O arxentino considera pois que a contemplación directa do pasado, a través de certas imaxes de arquivo, logrará o seu obxectivo: provocar algo no ollo espectador. Por esta razón decidiu seleccionar algunhas instantáneas de feitos significativos do século XX. O maio do 68, por exemplo. Tamén as protestas de Praga pola invasión soviética nese mesmo ano  ou as marchas dos Pobres en Washington. 

Agora ben, Marcelo Brodski non constrúe simplemente un album para dar conta do sucedido. De telo feito así a revisión induciría unicamente á recreación nostálgica do vivido por uns personaxes, na maioría dos casos anónimos, cuxo desexo era non só interactuar senón, por riba de todo, intervir no proceso político, social e económico que se vivía naquela altura. Deixar ver esta pretensión, compilando as imaxes que a reflicten, ten o seu interese. No entanto, o que lle confire solidez ao traballo de Brodski é a montaxe de seu. O arxentino intervén esas imaxes alleas -non tirou el as fotos-, dándolles cor -moitas delas estaban en branco e negro- e colocando sobre as mesmas certas anotacións que suscitan curiosidade e implementan outros relatos sobre o inicialmente existente. Este ensaio visual afonda na idea da “ficción narrativa”, ao amplíar a historia. Brodski non só “se apropia” desa ficción. Tamén nos convida a que o fagamos nós. Conségueo co texto que coloca por riba dalgúns personaxes, pois dalgunha maneira dispara a imaxinación de quen observa. “Sous le pavé, la plage”, “More fredom!”, “¡Todos somos inmigrantes!”, “Me interesa enfrentar los problemas reales del hombre contemporáneo” -imaxinamos que tamén os da muller!-, ou “Martin Luther King tuvo un sueño y luchó por convertirlo en realidad” -Malcom X, Audre Lorde ou Angela Davis tamén!-, son algunhas das frases que o arxentino superpón ás fotografías seleccionadas. De entre todas destacaría esta: “Não á censura!”. Non porque sexa especialmente demoledora, mais porque é unha demanda que, nos últimos meses, dado o acontecido nesa pel de touro á que chaman España, habería que volver destacar nos cartaces das manifestacións. 

Alén deste breve apunte en referencia á involución política que estamos a presenciar, case mellor volvemos a Marcelo Brodski e ao seu traballo -publicado pola editorial RM, especializada en en arte- e teñamos presente a defensa que nel se fai da imprescindíbel Memoria Histórica, esa que nos axuda a coñecer ben o relato do pasado, porque este non se completará ata que se conte a historia das perseguidas, das silenciadas, das acusadas inxustamente. Daquelas que, en definitiva, co seu labor, contribuíron á defensa da igualdade e da xustiza. Esas mesmas! Ás que adoitamos etiquetar de “invisíbeis”, no canto de borradas do mapa, porque invisíbeis nunca o foron. Víronas a distancia! Eis a causa da súa “desaparición” do relato. Tendo conta disto, debo dicir que me tería gustado contemplar máis mulleres neste traballo de Brodski. 

Te puede interesar