Opinión

Haneke na palestra

Haneke é un dos meus directores predilectos, conste en acta. Considero a Fita branca, un filme excelente. Iso xa sen pensar en Funny games (1997) Caché (2005) ou Amour (2102), moi boas tamén. Dado entón o interese que o seu traballo ten suscitado en Europa, poñerse a “rajar” de Haneke tería sido, hai tan só uns meses, algo que nin se nos pasaría pola cabeza. No entanto, como din por aí, “lo puso a huevo”. O austríaco vén de facer unhas declaracións bastante absurdas sobre movemento me too. Haneke fala xa dunha “caza de bruxas”, e, na liña de “las señoras de Francia” -Catherine Deneuve e compañía-, fai referencia a un certo “puritanismo”, ao tempo que emprega un adxectivo contundente para valorar as acusacións que algunhas actrices fixeron nas páxinas de twiter. 

O adxectivo en cuestión é este: repugnante. Haneke cre que estas acusacións son froito da “histeria” e mais do noso “odio cara aos homes”. Mire usté, señor Haneke, as mulleres non odiamos os homes. Non só porque nos resulten, en ocasións, atractivos, mais porque somos de talante aberto e poden suscitar certa curiosidade, ben como amigos, ben como parellas sexuais ou sentimentais. Daquela, como parvas non somos, sabemos ben cando alguén nos trata con respecto e intenta un achegamento dende a cordialidade e a simpatía -elementos moi favorecedores en calquera proceso de aproximación- e cando sen respecto de ningún tipo, coma un baboso. Tendo conta da nosa capacidade de discernimento, non considero que exista ningunha “caza de bruxas”. Simplemente se dá a coñecer o que debe ser sabido. Isto, lonxe de vitimizar as mulleres o que fai é empoderalas. Coloca o foco neste tipo de depredadores sexuais que si desprezamos, eses que se permiten, por exemplo, a licencia de pousar a man onde lles peta sen haber un contexto que dea sentido a tal “acción”. A causa deste atrevemento obedece a que ese é o seu modus operandi. Punto. 

Talvez porque ninguén lle fixo saber o repugnante que resulta o seu tacto non desexado ou se llo fixeron saber pasou de todo e perseverou? Sorprende que Haneke non use o termo “repugnante” para cualificar actos como a violación e o acoso, pero si que o empregue para valorar as acusacións que se fixeron dentro do movemento me too polas redes. A violencia practícase en contextos antipoéticos, antisublimes, antiextravagantes e anticools. Cómpre sacala á luz, pronunciar os nomes dos seus axentes e expulsalos dos ámbitos de poder. Calar e permitir que se repita si que é repugnante. A verdade, ver a Haneke máis preocupado polo que se poderá ou non rodar, en canto a escenas de sexo se refire, si que repugna. Eu non lle chamarei cerdo machista, pero parecer parécese bastante a un .

Te puede interesar