Opinión

Incendios

Como apunta Xabier Vázquez Pumariño, no artigo publicado en Vieiros no 2005, un artigo que Praza Pública volveu sacar á luz á raíz do acontecido a fin de semana na Galiza, “Falar do lume é perigoso (…) porque sabemos como entramos pero non sabemos como saír”. E leva razón. No medio de tantas opinións resulta difícil aventurar unha conclusión. Sobre todo se non temos moita idea do asunto, sendo este, como moi ben indica Vázquez Pumariño, “dunha complexidade extraordinaria dificilmente abordable dunha tirada e por unha soa persoa”. Na opinión do biólogo, para comprender o que sucede realmente habería que contemplar o tema cunha perspectiva ecolóxica, sociolóxica, económica, política e mesmo bioxeográfica. 

Case nada! A verdade é que, tendo conta das súas afirmacións, dificilmente determinaremos as causas dos incendios se nos limitamos á visión simplista que tende a responsabilizar deles a persoas “malas” que están taradas e desfrutan prendendo lume a todo. Entón, se partimos da idea de que estamos ante un problema estrutural, cómpre pensar na existencia de varios factores, que, como asegura Pumariño, teñen que ver coa socioloxía, a política ou a economía do rural galego. Unha das cuestións que pon enriba da mesa Vázquez Pumariño é a plantación de millóns de piñeiros no noso país para mudar a paisaxe e asimilala á existente no resto de Europa. Isto fíxose durante a ditadura, tanto no Estado Español coma en Portugal. O caso é que este territorio infestado de piñeiros provocou a desaparición da gandería -ovellas e cabras- que pastaban nese espazo antes da plantación destas especies alóctonas. A isto habería que engadirlle a aparición de novas fábricas de celulosa, que contrataron xente expulsada do rural, e iniciaron o cultivo doutra árbore pirófita, o eucalipto. Tal cultivo tivo consecuencias. A flora e a fauna do terreo colonizado polas devanditas pirófitas mudou. Desapareceron pois lebres, coellos, en favor doutras especies coma o porco bravo. Daquela, as labregas e labregos viron unha saída na produción masiva de leite, pero de vaca, porque as ovellas estaban a desaparecer… Pumariño continúa a súa explicación, que é longa, e, xa que logo, difícil de traer aquí completa. Por esta razón convidaría á lectura directa do seu artigo. Iso si, para ir abrindo boca -o escrito de Vázquez é ben nutritivo- recollerei aquí unha das preguntas que formula e as que responde con rotundidade. Arden os bosques?, inquire sen dobreces. “Non”, responde, “En Galicia  apenas arde ningún bosque (…)  porque case non quedan” O que hai, explica Xabier, son superficies forestais, que é ben diferente. Un bosque é un ecosistema complexo en equilibrio que acolle determinadas especies de flora e fauna. Isto contraponse ao cultivo forestal: unha colección monoespecífica de árbores. Aí están esas invasións de eucaliptos, por exemplo, que non constitúen nigún tipo de sociedade biolóxica, mais un exército. 

Se ademais disto vemos a cantidade de urceiras, xesteiras e toxais que conforman o monte baixo, a cousa ponse peor, pois o risco de incendio vai en aumento. Para que nos entendamos, o que arde aquí son os cultivos forestais e o mato. Agora ben, quen prende o lume? O asunto é delicado. No entanto, tendo conta da morea de conflitos que xera o monte e a de persoas do rural que interactúan nel, desvelar a incógnita parece máis factíbel, verdade?. En todo caso, insisto, aí está o artigo de Pumariño, que afonda máis e mellor sobre esta cuestión que nos irrita, horroriza e devasta.

Te puede interesar