Opinión

Insistencia ou acoso?

Creo que hai algo que algúns señores aínda non entenden. Refírome ao respecto polas mulleres, mais ao respecto real. Non o de baratillo. Dende hai décadas existen mulleres libres, que toman decisións que consideran pertinentes en cada momento e non necesitan nin desexan un marido que as represente. Isto non significa que non estean casadas, ou en parella, significa simplemente que non permiten que ese esposo ou compañeiro fale no seu nome.

Digamos que son persoas formadas, determinadas, con criterio propio, seguramente moi listas, capaces de facer fronte ao éxito ou ao fracaso coa mesma solidez, así é que saben se queren ou non ver a estes señores. Sábeno, porque fixeron o traballo que cumpría: revisarse. Probabelmente estes señores, no canto de facer o propio, continuaron no seu mundo de fantasía para non descubrir algo feo. Feo como que, como esa peculiar tendencia de seu ao autoengano constante? En efecto. Se é que aquí non se consola quen non quere… Porén, que pasa co autoengano, de que maneira afecta a quen o practica? Moi sinxelo, cando unha persoa se autoengana non asume as súas responsabilidades nin é quen de aceptar as consecuencias do seu comportamento.

Como facerlle entender a quen non asume a propia irrelevancia que nin se lle chamou nin se lle espera? Con silencio. No entanto, para interpretar este silencio correctamente, é precisa unha certa intelixencia que permita descodificalo como o que é, indiferenza absoluta, alén dunha tremenda canseira. Se estes señores tivesen claro que as mulleres que os rexeitan son persoas decididas, intelixentes, con capacidade para solucionar os conflitos, asumirían e aceptarían que un non é un non.

Aquí e en Australia. E por que pode dicir que non unha persoa a outra? Se quen é rexeitado fixese o traballo que cómpre facer –o interior, isto é, unha autocrítica seria- sabería que ese “non” obedece á repulsión propiciada por actitudes libidinosas ben pouco honestas ao longo dun tempo que quen as padece considera xa excesivo. Isto de perseverar e querer convencer ante un rexeitamento frontal, sen subterfuxios, é unha falta de respecto e consideración grave que revela un desexo evidente de dominación para conseguir o que se nega unha e outra vez. A realidade é teimuda, que lle imos facer! Estes pertinaces picapedreiros deben crer que as mulleres necesitamos que nos indiquen o que nos convén.

O sentir machuno redúcelles a capacidade de discernimento, así é que ese “non”, nas súas cabezas, significa outra cousa. Talvez “non polo de agora” ou “non, pero se o volves intentar si?” Pois mire usté “caballerazo de otro tiempo”, por moito que o diga Sabina, cando unha muller di non é non. Moito coidado entón con tanta perseverancia, porque entre a insistencia e o acoso hai unha liña moi fina. Non creo que deba ser cruzada, entre outras cousas, porque é denunciábel. Punto final.

Te puede interesar