Opinión

Jennifer Kent en Valencia

Jennifer Kent iniciou o seu camiño como directora de cinema coa curtametraxe Monster. Foi no 2005. Anos despois, no 2014, esta curta foi adaptada pola directora co título The Babadook, unha fantástica fita de terror que conseguiu manter en tensión o público durante 94 minutos. Fácil de dicir pero difícil de lograr. Daquela, Kent, como é natural, entrou con The Babadook -presentada no Festival de Sundance- pola porta grande, pois as boas críticas non se fixeron esperar. De feito, houbo quen considerou a peli unha das mellores do seu xénero nos últimos tempos. 

Catro anos despois, a realizadora reaparece en escena con The Nightingale, unha longametraxe de 136 minutos, que se centra na vinganza dunha muller. The Nightingale estará nestes días na Mostra de Venecia. Con ela Jennifer Kent podería conseguir o León de Ouro, algo que, de suceder, causaría gran ledicia nestes tempos de reivindicacións de igualdade, algo que, como se pode observar, á organización da devandita Mostra de Venecia impórtalle un pemento. Patético? Bastante, a verdade. Como pode ser que Jennifer Kent sexa a única muller na Competición Oficial e o resto -21 en total- sexan homes? Non había ningunha directora máis con algún traballo interesante? En serio? Esta falta de visión non pode ser pasada por alto. 

Cómpre entón poñer o foco nesta actitude sexista e recoller nomes de realizadoras que si veñen de ser nominadas, por exemplo, no Festival de Cinema de San Sebastián, que se celebrará a finais de setembro. Cito entón a Valeria Sarmiento, Claire Denis ou Naomi Kawase. A verdade, pensar que Alberto Barbera -director do Festival de Venecia- debería facerse mirar esta estreitez de miras, esta falta de visión e pre-visión, esta escaseza mental, polo ben de todas as persoas que amamos o cinema, é totalmente natural e necesario se o que se pretende é saír desta cousa rancia que aburre as ovellas. Ou é que non quere saír de aí?

Te puede interesar