Opinión

Letras Galegas 2015

Sobre Franco, dixo Filgueira Valverde, nunha entrevista realizada por Luca de Tena, que non era un home de “gran cultura” -“Tiña a formación dun militar da época. Gustábanlle Valle e Baroja.”-, mais amosaba preocupación por Galicia. “O que tiña -explicaba Valverde- era aquel pundonor de todos os galegos que gobernan (agás Montero Ríos), que sempre lles parece que non fan dabondo pola súa terra”. Polo que se pode ler máis adiante, o ditador sentía interese polo noso país. Gustáballe moito. Isto víase nese gusto polos cruceiros, que, segundo contou Filgueira, suscitaban nel certa paixón. Por iso pediu que lle envíasen fotos. Co desexo de o compracer, o intelectual enviou a Alfredo García Alén para que fose “cun fotógrafo facelas e levara a carta da Casa Civil do Xeneralísimo na que se facía o pedido”.

Facer o pedido sempre axuda a ter contento ao que máis manda. Niso Valverde era un experto. Non Alexandre Bóveda, que, xusto polo contrario, viuse como se viu... A verdade, ao longo desta gloriosa entrevista, pode percibirse o cinismo do intelectual galego, na medida en que non amosou, en ningún momento, arrepentimento ou vergonza por contemporizar co rexime. No seu lugar xustifícouse con argumentos absurdos. Afirmou pois, sen vacilar, que “algúns erros valeron para algo”.

Para que exactamente? Pois para “poder defender a zona monumental, facer o campo de deportes, o pavillón...” en Pontevedra. Eis un claro exemplo dun procedemento cínico -o fin xustifica os medios-, que, obviamente, se argumenta con cinismo. En definitiva, Valverde defendeu con descaro actitudes reprochábeis. Había estón unha dose de hipocrisía no galego? Había. De non ser así, insisto, veríase na tesitura de Bóveda, quen, co seu comportamento, proporcionalmente inverso ao de Filgueira Valverde, fai visíbel a nobreza e honestidade dun carácter firme. Sólido. Tendo conta disto, a decisión de homenaxear a Filgueira Valverde no Día das Letras 2015, resulta inapropiada. Ninguén nega a envergadura intelectual de seu. En absoluto.

No entanto, a penosa connivencia do estudoso co rexime franquista fai imposíbel que nos alegremos e sintamos orgullo. Sobre todo se pensamos noutras figuras, inxustamente esquecidas, como Ricardo Carvalho Calero.

Te puede interesar