Opinión

Mediocridade

Afirma Dolores Vilavedra, en BiosBardia, que a falta dun liderado na literatura galega actual fai difícil separar “o gran da palla”. Somos en exceso condescendentes co que se escribe, porque non queremos ver que certos discursos poéticos están superados ou carecen de fondura. Isto, na opinión da estudosa, implica “aturar unha dose superior á habitual de mediocridade”. Vilavedra está convencida de que “moitos escritores prefiren autocompadecerse e sentirse vítimas do establishment antes que asumir os riscos de medirse á realidade directamente e testar o interese real que a súa obra esperta entre os lectores”.

É isto así exactamente? Autocompadecémonos do silencio que arrodea ao noso traballo? Ficamos á espera de que veña “deus” a visitarnos e nos lance ao público, ou, pola contra, decidimos arriscar coa autoedición, máis modesta obviamente, pero non menos interesante? Pódese “medir” o “interese real” dunha obra nunha sociedade inmersa no mundo audiovisual? Ao meu ver, Vilavedra ten razón en dúas cousas: hai moitas voces -pero isto non é malo- e certo autoengano. Porén, o autoengano ao que ela fai mención non procede sempre das persoas que escribimos. En moitas máis ocasións, vén de quen ten “certo poder” e intenta “fabricar” o/a escritor/a do momento, ao tempo que ignora todo -porque nin se preocupa, nin afonda- sobre outras propostas máis arriscadas e singulares, que se están a facer ás marxes desa esfera de cristal e nenúfares ad hoc. Iso sen falarmos dos gustos persoais e manías que, malia ser moi humanas, nada teñen que ver coa literatura.

Daquela, bótase de menos certa frescura. Que unha poeta escriba sobre alguén que non sexa amigo seu e pronuncie o seu nome onde cómpre, por exemplo. Porque citar a determinadas persoas recoñecidas, non só é servil, mais redundante. Non creo pois que o autoengano dos/das poetas derive da incapacidade para afrontar o posíbel rexeite da comunidade lectora, pois de sobra sabemos que a poesía non lle interesa a case ninguén. Moito menos se está escrita en galego.

Talvez todo este asunto estea relacionado cun clima de tensión xerado dende arriba, que reproduce o sistema capitalista no ámbito da cultura. Sinceramente, despois de lermos a Woolf, Kafka, Saint-John Perse, Eagleton, Sartre, Ferrín, Rilke, Georg Trakl etc etc, temos capacidade suficiente para valorar a calidade do que escribimos e non pode abrumarnos a aprobación ou indiferenza dun sistema cultural tan endogámico coma este. A emancipación intelectual é un bo camiño para unha escrita afouta, capaz de significarse e resistir o paso do tempo. Mírese menos o que hai fóra. Búsquese dentro.

Te puede interesar