Opinión

Na picota

Apicota, segundo o dicionario da RAG, é unha “forca de pedra onde se expoñían os reos á vergonza pública”. Por iso, a día de hoxe, para referírmonos a unha persoa exposta ao escarnio, dicimos iso de que “está na picota”. Daquela, é esta “picota” un espazo abstracto, situado dentro dos límites da vergoña. Iso si, para que alguén estea nese lugar é imprescindíbel unha certa dose de conciencia, porque sen conciencia non hai vergonza. A maioría da clase política carece dela. Por iso amosa tan pouca lacha, malia ter enriba acusacións de cohecho, tráfico de influencias ou malversación de fondos públicos, por exemplo.


Eis o caso de Conde Roa -ex alcalde do PP de Santiago, imputado por  fraude fiscal-, que estafou 290.000 euracillazos a Facenda. Iso sen falarmos doutros membros do seu desgoberno, que tamén están metidos no asunto. Outro personaxe penoso é o socialista Francisco Fernández Liñares, acusado de corrupción na adxudicación do servizo de grúa do Concello de Lugo e nos contratos que repartiu dende a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, da que foi presidente. Ou o excalde de Ourense, Francisco Rodríguez, acusado de branqueo de capitais, algo que el nega con insistencia. Actualmente, contamos, máis ou menos, con 500 imputados por corrupción política no Estado, sendo as Comunidades de Andalucía e Valencia as que presentan máis casos. Por iso, o de Jordi Pujol xa non sorprende nunha sociedade carente de moral.


Temos esta clase política, porque, dalgunha maneira, nas microestruturas políticas, sociais, culturais e mesmo familiares normalizouse a trampa. Se dentro dunha organización tan modesta como a familia, poño por caso, tratamos con maior respecto e reservamos os mellores agasallos para aqueles membros da mesma con “rango familiar serio” polo simple feito de ter desecendencia, como pode sorprendernos o trato inxusto, no caso dos enchufes? Se somos incapaces de facer visíbel o talento de persoas que non son do noso círculo, para favorecer a aqueloutras que si, malia sermos conscientes da obviedade das propostas de seu, porque flipamos tanto co devandito “tráfico de influenzas” que pratican estes miserábeis que nos desgobernan? Cómpre ter presente que a prepotencia, o cinismo, a hipocrisía e a mentira só poden ser “tendencia” nun mundo prepotente de cínicos, hipócritas e mentireiros, que, sempre que poden, se pasan de listos. Ou de listas. Temos entón o que nos merecemos? Pois un pouco si.

Te puede interesar