Opinión

Ni dieu ni maître

Inoubliable. Tout à fait. Léo Férré (1916-1993) faría onte, 24 de agosto, cen anos. Non puido ser. O cantautor e poeta anarquista faleceu hai máis de dúas décadas. No entanto, aínda pervive na memoria do público francés. E non só. De feito, a prensa facíase onte eco deste artista, autor daquela canción inolvidábel, Ni dieu ni maître.

Lóxico. A súa voz levou ao escenario francés a expresión da liberdade total, esa que no Estado Español ficou corenta anos secuestrada. Inesquecíbeis entón aquelas palabras murmuradas dende o o máis profundo da gorxa, palabras como estas, por exemplo, “Cette procédure qui guette/ ceux que la société rejette/ sous prétexte qu'ils n'ont peut-être/ Ni dieu ni maître”, que repetiremos coma un mantra se o que nos gusta é sentirnos libres. Sine die. O feito de rexeitar calquera tipo de adoutrinamento, facer fronte ao pensamento hexemónico, isto é, ser quen de dicir non cando o máis cómodo sería aceptar, alén de ter claro que a dignidade non debería ter prezo, constitúe a base do pensamento anarquista, co que Férré se identificaba, un pensamento liberador, do que xorden as críticas máis interesantes aos procedementos da política actual, incluídos os da esquerda. Porque o anarquismo non foxe da cuestión fundamental, que constitúe o problema da maioría dos partidos, a procura da dominación. Esa idea de facer visíbeis as perversas relacións de poder que oprimen a tantas persoas que carecen del é ben interesante, porque, na análise que se fai dende o anarquismo, non existe autocompracencia de ningún tipo, así é que se entra tamén na cuestión do desexo, é dicir, da existencia dunha procura constante por acadar ese poder, que se observa en tantas persoas. Recoñécese entón o máis triste do asunto, que é, basicamente, a loita de forzas entre poderosos e aspirantes.

Non todas as persoas que non pertencen á “casta” son conscientes de que esa pretensión é mesquiña e non conduce a solución do propio conflito, en apariencia invisibel, entre dominantes e dominadas/os. E aquí é onde cómpre a pregunta do millón, quen son os/as dominados, a día de hoxe?. Porque, se temos dereito a votar e manifestamos as nosas ideas en público, podemos considerarnos cidadáns e cidadás totalmente libres? Totalmente? E como explicamos entón os privilexios dunha minoría, como un mal menor dentro desta democracia abstracta da que tanto nos gusta falar? Mentres existan as devanditas relacións de poder, haberá privilexios, mentres haxa privilexios, haberá inxustiza, e, consecuentemente, a democracia será tan só unha ficción. Tendo conta disto, a voz de Léo Férré, está, como dirían por aí, de plena actualidade, na medida en que a exclusión social -ceux que la société rejette- continúa en aumento. Isto pode extrapolarse a outros contextos, nos que tamén existen esas relacións de poder, porque o poder é coma un virus. Contamina todo, ou case. Se é que Léo talvez pedía moito, porque iso de vivir sen deus nin amo, implica renuncias ás que non todas as persoas están dispostas. Ser libre é o quen ten, pon a proba a nosa solidez e resistencia na parte de atrás, onde niguén mira nin pode aplaudir.

Te puede interesar