Opinión

O león, a noite, o desexo

El león duerme esta noche, a fita do xaponés Nobuhiro Suwa, consegue levarnos da man polos intersticios ocultos que permiten o paso do mundo real a outro ben diferente, que nos atrapa e pode envolvernos co seu manto invisíbel. Pero, que mundo é ese? O das aparicións? Un lugar habitado por fantasmas? Fantasmas como Juliette, o gran amor do protagonista deste filme que se lle aparece pola casa e fala con el,  ou fantasmas como o propio protagonista creando esa visión alucinada de Juliette? Escribiu Juan José Arriola, ao referirse aos espectros, “Yo soy el lugar de sus apariciones”. Gústame esa idea, porque coloca a posibilidade da visión espectral nas propias mans de quen contempla o intanxíbel. 

Digamos que aquel que mira o invisíbel ve as figuras do outro lado porque ten un desexo e a forza que este xera no suxeito desexante provoca esta aparición. O suxeito desexante deste filme non é outro que o inmenso Jean-Pierre Léaud, que vive neste conto delicioso de Nobuhiro Suwa en estado puro. Jean-Pierre é un actor poderoso, magnético, envolvente. Xa de cativo cautivara o público co seu talento ao protagonizar Les 400 coups, de Truffaut. Moitos anos despois, no 2016, impresionou pola  interpretación que fixo de Luís XIV, en La mort de Louis XIV  (unha peli de Albert Serra, polo que este director levou, entre outros, o prestixioso Jean-Vigo), e agora faino nesta fita de Nobuhiro Suwa, que non dubidou en contar con el para este filme. Nobuhiro é un director asiático de traxectoria ben medida e coidado. En vinte anos seis filmes, dos que aquí chegou unicamente á pantalla grande Yuki y Nina (2009). Amado pola crítica, Nobuhiro só terá que atrapar o interese do público. 

Ha conseguilo con este filme, pois a historia deste home que non desexa morrer e vive ancorado na memoria de Juliette, conmove, envolve, hipnotiza. Se a isto lle engadimos a presencia do grupo infantil que provoca interesantes momentos de humor, mel nas filloas.

Te puede interesar