Opinión

O poder como vicio

O vicio do poder, a última fita de McKay -antes dirixiu A grande aposta- conta cun guión afiado e sarcástico que, malia o exasperante do abuso de poder exercido por Dick Cheney con  gravísimas consecuencias, provocará máis dun riso na sala. Estamos ante un biopic moi singular que sorprende polo xeito no que este cineasta subvirte o xénero. Daquela, alén de manter o público atento á trama, que segue, en certa medida, a evolución do protagonista -interpretado por Christian Bale-, rompe o discurso narrativo propio deste xénero, e, xa de paso, a cuarta parede tamén, ao integrar, por exemplo, títulos de crédito polo medio e unha voz en off totalmente inesperada. Así é que, aqueles e aqueloutras que gosten dos thrillers políticos e teñan interese no que sucedeu no despacho oval durante a presidencia de George Bush Jr. -eis o ataque ás Torres Xemelgas que propiciou a escusa necesaria para invadir Irak- gozarán a tope deste potente filme que, sen dúbida, mantén o público pegado á butaca. Dende o principio até o final. 

Estamos, en efecto, ante un dos mellores filmes deste ano -outros poderían ser Cold war e Roma, por exemplo- que paga a pena ver máis dunha vez, porque hai moita información que cómpre revisar para non perder detalle. En todo caso esta pequena dificultade -pillalo todo nun primeiro visionado- non impide percibir a totalidade do que se narra e a calidade do guión ou das interpretacións de Amy Adams -esposa de Cheney-, Christian Bale -Dick Cheney- e Steve Carell como Donald Rumsfeld-. A verdade é que se fai inquietante comprobar como Cheney, un tipo intelectualmente limitado e mediocre, pasou de ser un traballador  nunha empresa  eléctrica en Wyoming a ocupar un posto de gran relevancia na Casa Branca con potestade para tomar decisións difíciles con consecuencias, repito, gravísimas. Vice -ese é o título orixinal- reflicte por tanto, entre outras cousas, o carácter corrupto dos “señores da guerra” e os “artificios de pirotecnia” audiovisual que utilizaron para controlar iso que denominamos “opinión pública”. Excelente o traballo de Adam McKay, que soprende en todos os sentidos polo seu carácter híbrido. 

Este biopic que non é biopic; que se achega ao documental  sen ser un documental; que ten un compoñente de ficción sen se adecuar ao esperábel dentro do que consideramos ficción; que fai, ademais, un uso irreverente do discurso fílmico, convida á reflexión sobre a manipulación mediática para fabricar esa cousa que, volvo insistir, consideramos “opinión pública”, pero que nin é opinión, nin é pública. Trátase máis ben dunha visión guiada con subterfuxios narrativos elaborados por empresas privadas. Lémbrese aquel ensaio tan revelador de Bernays  -“Propaganda”- sobre o particular e entenderase mellor o que transmite este traballo de MacKay. 

Te puede interesar