Opinión

A ollada de Lois Patiño

Lois Patiño citaba a Didi-Huberman (1953) para explicar a súa intención de situarse no lugar onde a imaxe arde. Deixaba claro entón o desexo de nos colocar no punto exacto para reflexionarmos sobre a recepción das imaxes presentadas. En A imaxe arde, por exemplo, co son variábel -do realismo das lapas ardendo até o silencio-, pretendía favorecer a reflexión.

Quería que discernísemos entre o que vemos e o que experimentamos ante o que vemos. Considerou que o son facía da experiencia visual algo máis intenso, porque, na súa opinión, aumenta a percepción. Convencido disto Patiño perseverou na idea. Daquela, en Costa da Morte, xoga novamente, cos contrarios -velocidade/ lentitude e proximidade/distancia- das imaxes por medio do ruído que chega aos nosos oídos.

A respiración dos personaxes séntese pois moi preto, como se estivesen ao noso lado, mais están moi lonxe. Continúa pois o cineasta galego con esta idea do contraste para nos situar ante a inmensidade da paisaxe, teima pola que recibiu algunha que outra crítica, algo que amosa que hai moitos ollos postos no seu traballo. Porén, á marxe desa aura que Patiño esculca na paisaxe contemplada, Costa da Morte ofrece algo diferente, na medida en que dá conta da vida nese lugar, dos distintos traballos que se realizan e do perigo que implican. Ten entón este filme un compoñente antropolóxico?

Un pouco si. No entanto, o maior interese radica nesa angustia que transmite ao lembrarnos a nosa irrelevancia. A paisaxe, co seu inmenso poder hipnótico, trae de volta ás nosas cabezas a fraxilidade humana. Vérmonos os uns ás outras tan próximos, limita a perspectiva. Por iso traballos como os de Lois fanse tan suxerentes.

Escribo isto pensando na brétema, por exemplo, no fotograma dos homes cortando árbores. Se for unha foto poderíamos ver a morte nela, porque, como diría Roland Barthes (1915-1980), ficariamos apreixadas/os dentro, sen saber que sucedería alén das liñas que circunscriben a imaxe inerte no marco. Porén, como se trata dun filme, imos dun fotograma a outro -aínda que sexa lenemente-, así é que a morte deixa de ser un feito -principio e fin residen dentro da fotografía- para virar tendencia.

Ese traballo duro dos percebeiros, pelexando contra o mar enriba das rochas, non deixa de ser un xeito de pasarlle a man polo lombo ás Parcas. Eis o nome do lugar e a coherencia da proposta de Patiño. Por outra parte, deixar constancia deste modo de vida se convertirá, como aqueles oito minutos do filme Galicia, de Carlos Velo (1909-1988) -onde podía verse mazar o liño, ripalo e enfialo-, nunha reliquia.

Te puede interesar