Opinión

Pederastia: abusos

Escándalo. A Corte Suprema de Pensilvania vén de publicar un informe con 301 casos de sacerdotes que abusaron de menores nos últimos 70 anos. Este informe consta, polo de agora, de 1.356 páxinas. No entanto, para elaboralo, o xurado tivo de revisar medio millón de documentos internos da diócese durante os últimos dous anos. Non se descarta entón que o número de vítimas ascenda a miles. A cousa pinta mal para o Vaticano, que, por moito que o intente, non poderá seguir tapando  esta vergonza de ter depredadores sexuais no seu seo. Isto é así, sen máis voltas. De feito, o fiscal xeral do estado Josh Sapiro sinalou nunha rolda de prensa que houbo “un encubrimento sistemático por parte dos altos cargos da Igrexa de Pensilvania e no Vaticano”, porque varios bispos “permitiron os curas continuar activos durante 40 anos”.

A causa deste silencio é evidente: priorizouse a protección dos abusadores e da institución eclesiástica deixando a un lado os dereitos das nenas e nenos preadolescentes. Vendo este panorama tétrico, unha non deixa de pensar nas palabras de Cañizares. O arzobispo valenciano, nunha das súas homilías, insistiu moito na “obediencia” ao “mandato” de Xesús, un “mandato” que el interpreta como lle convén, obviamente, pois, ao explicar o que el considera importante para a Igrexa arremete contra gays e lesbianas, porque pensa que desobedecen o devandito “mandato” -onde e cando diría Xesús algo así como “no amen a gays e lesbianas?”, pregúntome dende que lle escoitei estas sandeces a Cañizares- contribuíndo así á ruptura da comunidade cristiá. Xa de paso, animouse tamén a retorcer a cousa aínda máis cualificando de pusilánimes a aqueles e aqueloutras que non fan fronte ao “inimigo” para mantérense, infiro das súas palabras correosas, nunha liña politicamente correcta e defenderen os dereitos da comunidade LGTB.

Cañizares, como din por aí, lo flipa bastante. No seu delirio, exhibiu un exceso de celo por manter o status quo que se traduciu nestas declaracións penosas polas que o Papa xa o chamou á capítulo, algo que non servirá de moito, porque Cañizares peca de orgullo e soberbia. Carece de xenerosidade e, xa que logo, de empatía. Por esa razón ataca o que el denomina “imperio gay”, ou, aínda peor, “ideoloxía de xénero” . Iso si, ao respecto dos escándalos que arrodean á Igrexa polos casos de pederastia como o de Pensilvania, o arzobispo Cañizares relativiza ao comparalos con disputas familiares... Arzobispo Cañizares, moito me temo que o seu orgullo e soberbia son un exercicio de obediencia, en efecto, pero de obediencia ao diaño. O Papa ten que estar ata as narices de vostede.

Te puede interesar