Opinión

Poesía salvaxe nas aulas

E chegou a primavera, disque. Nós, aínda non o temos moi claro, porque, xusto agora, cando máis ganas hai de sol, abren as nubes e mesmo parece que vai nevar, pero non importa. Onte foi o Día Internacional da Poesía, así é que puidemos reunir folgos e desfrutar dese frío ameazante, malia todo. Como celebrar a poesía, como entregarse a ese abismo da linguaxe tan sorprendente que se pode atopar nos poemas? Botarse aos versos pode ser unha boa maneira de esculcar naquilo que proe. Ou non, porque o que se conta neses textos pode non afectarnos en absoluto. De feito, hai algúns que ofrecen visións moi diferentes das nosas e aquí radica o encanto das palabras que vertebran esas construcións insólitas, que, canto máis inesperadas, mais estimulantes resultan. 

Elixir un libro de poemas non é doado, porque hai tantos... Pero ten de ser a cantidade da oferta un problema? Non o creo. O único problema é o medo que pode inspirar a lectura, na medida en que non responde aos procesos de interpretación e desfrute aos que a maioría das persoas están afeitas. Refírome a que a narrativa, dado que relata, en xeral, historias, ten moitas máis adeptas e adeptos. No entanto, se nos deixásemos levar talvez si situaríamos a poesía nun lugar destacado entre as nosas preferencias habituais. Como ler poesía e non morrer no intento? Esta é a pregunta que poderían facerse aqueles e aqueloutras que se negan a lela, porque pasan ou, moito peor aínda, porque a desprezan. Non son bos tempo para a lírica, en efecto, pero isto podería mudar. De que maneira? Volvamos á pregunta anterior entón -Como ler poesía e non morrer no itento?- e busquemos un enfoque diferente, máis coral e participativo. Levemos textos ás aulas, sen nome. Textos de todas as épocas, en distintas linguas, e falemos, poño por caso, de amor, de liberdade, de medo. Deteñámonos nestas palabras, permitamos que o alumnado as defina, preguntemos a rapazallada que lle dá medo, que odia, que espera da vida, coloquemos a mozos e mozas diante dun espello, que lle falen a ese ser que alí aparece e a ver que pasa. Non se perde nada por intentalo. O que importa é liberar os poemas do papel, para situar o foco no mundo exterior, tan amplo e descoñecido, traballando, xa de paso, a identidade, a expresividade, o ritmo. 

Convoquemos as emocións, xeremos a tensión necesaria, sobrevivamos ao tedio, pero, por favor, fagamos algo, porque ler poesía pode ser relaxante, conmover, traer de volta o pasado, conducirnos a un futuro, indescifrábel habitualmente, e volvernos pór no presente. Isto, en tanto que montaña rusa emocional, algo moverá neses corazóns adolescentes! Sinceramente, preferiría que non houbese días da poesía, pero que esta formase parte da vida de moitas máis persoas. Poñermos en marcha unha actividade poética salvaxe, brutal, sexi e demoledora, vai ser o mellor. Sen dúbida!

Te puede interesar