Opinión

O Quixote de Terry Gilliam

Despois de moitos anos -dende 1989, que foi cando comezou co proxecto- Terry Gilliam conseguiu realizar a súa adaptación da novela de Cervantes El ingenioso Hidalgo Don Quijote de la Mancha. Esta fita, que clausurou o Festival de Cannes deste ano, chega ás carteleiras arrodeada de certa polémica. O británico foi levado á xuízo pola produtora do filme, á que terá de pagar 10.000 euros en comisións. Os dereitos da película pertencen a Alfama, e calquera explotación comercial dela é completamente ilegal e sen a nosa autorización, declaraba Paolo Branco en Screen Daily. Que lle saiu cara a broma, para que nos entendamos. 

Tendo conta disto poderiamos preguntarnos se pagou a pena ter que pasar tantos esforzos e levar todos os desgustos que levou, para aturar agora a morea de críticas que está a recibir. Que se é un pastiche, que se se fai caótica, que se o director está en horas baixas… The Man Who Killed Don Quixote -título orixinal- é arriscada, longa, cunha estética bizarra, que trae á memoria a tamén barroca The Fisher King -dirixida por Gilliam no 1991-, pero atrapará o público que goste deste director e acepte esa aparente incoherencia ligada ao gusto de Terry Gilliam polo absurdo. Non concordo entón con iso de que o filme é un fracaso, que aburre ou que remata por ser un pastiche. 

Neste traballo hai escenas deslumbrantes, coma a da festa de disfraces na casa do ruso, onde se ve o actor que se pensa realmente Don Quixote -interpretado por un fabuloso Jonathan Pryce-, subir enriba de Clavileño nunha desas aventuras nas que a realidade era adaptada para o Cabaleiro da Triste Figura coa intención de se burlar del. Outra escena interesante, por exemplo, é a da conversa entre Adam Driver, que interpreta a un director de cine -confundido con Sancho Panza por este louco que se cre o antiheroe cervantino- na que ambos os dous -Quixote e Sancho- falan sobre o libro que narra a vida do propio Don Quixote. Ao ver a citada escena faise imposíbel non botar un riso. Eis por tanto outro dos logros da fita: conseguir que riamos. E ollo, que isto non só acontece con este diálogo, mais con outros que tamén son ben enxeñosos. Ademais, captou e retratou ben o espírito deste personaxe extravagante cuxo gran obxectivo era vivir un soño e materializalo tal cal o imaxinaba. Igual que o Quixote de Cervantes, o de Terry Gilliam conmove co seu corazón inchado de inocencia. Adaptar unha obra literaria coma esta é arriscado e esixe moita afouteza. 

Creo que Gilliam foi valente e conseguiu o que se propuxo, crear o seu propio Quixote. Por todo isto paréceme que, malia os defectos que se lle atribúen o filme, paga a pena velo. Sobre todo por aquilo opinar libremente e con coñecemento de causa, que é do que se trata.

Te puede interesar