Opinión

Roma

"No importa lo que te digan. Siempre estamos solas” dille Sofía a Cleo con razón. No entanto, perseveran en vivir porque desexan saír adiante. Creo que esa resistencia manifesta é un xeito de estar no mundo. Resistir é tamén continuar. Porén, iso de retomar algo polos bordes e tratar de crear outra realidade diferente para que ese algo poida desenvolverse, malia todos os atrancos que se presenten, implica unha loita diaria para estes dous personaxes. Tal maneira de resistir vén sendo iso que agora adoitamos denominar resiliencia. En todo caso, o que importa non é tanto o termo que define este modo de ser e actuar como a maneira na que se materializa isto na vida cotiá. E moi importante, quen son os/as resistentes? Alfonso Cuarón parece telo comprendido á perfección: as artífices deste labor vital son as mulleres. Nosoutras. Por iso en Roma centra o foco na vida privada de Cleo ou Sofía. O cineasta é plenamente consciente da existencia dunha violencia estrutural cuxo peso recae, na maioría dos casos, sobre nós. Iso de que fomos, e aínda somos, as que padecemos as consecuencias do egoísmo patriarcal non é un segredo para el. Agora ben, no canto de se facer o “despistado”, decide pór o foco na evidencia dese abuso de poder constante nas relacións interpersoais que se estabelecen entre homes e mulleres. Por iso intenta amosar a humanidade de Cleo -interpretada por Yalitza Aparicio-, porque é consciente da súa invisibilidade e querería mudar tal condición. 

Desexa que vexamos ese lugar difícil no que adoita vivir: o da vulnerabilidade constante. Cleo é muller, “indíxena” e pertence á clase traballadora, así é que ten todo na súa contra. Nada que ver pois coa posición de Sofía, unha muller branca e burguesa, cunha vida acomodada. As tristuras con cartos sempre se levan mellor. Por todo isto e por outras moitas razóns Roma é unha peli tan especial. 

Fascina a delicadeza coa que foi pensada, sentida e filmada. Conmove sen resultar manierista. Atrapa dende os primeiros minutos de metraxe. Conclusión? Alfonso Cuarón posúe un talento narrativo incuestionábel. Por iso non precisa de grandes efectos para captar o noso interese. Basta con mirar a Cleo e deterse nese ollar canso, pero xeneroso. A pesar da tristura que a invade. As imaxes, ademais, fanse hipnóticas e permiten empatizar coa protagonista, que, malia o ronsel de desastres que acumula mantén a súa inocencia a salvo. Lograr isto, tendo conta da mesquindade e cobiza que a arrodean, non é pouca cousa. Quen dixo entón fracaso?

Te puede interesar