Opinión

Toni Erdmann

Toni Erdmann, o último traballo da cineasta Maren Ade (Alemaña, 1976) foi “ignorado” en Cannes, onde competía con Eu, Daniel Blake, de Ken Loach -que, finalmente, levou a Palma de Ouro ao Mellor Filme-, Elle, do sempre sorprendente Paul Verhoeven; Sieranevada, de  Cristi Puiu; Paterson, dun Jim Jarmush en estado de gracia -algunha vez non está?-, e Aquarius, de Kleber Mendonça Filho. Agora ben, para compensar este “non-premio”, chegaron toda unha morea de recoñecementos noutros festivais de cinema. O do Círculo de Críticos de New York, por exemplo, onde levou o de Mellor Filme Estranxeiro, alén de conseguir tamén a nominación aos Globos de Ouro. Iso sen mencionar os Premios de Cine Europeo á mellor dirección, guión, actor e actriz ou o Fipresci, ao Mellor Filme do Ano. Alucinante? Si, pero xusto. Maren Ade está a ser recoñecida como merece en todos os lugares nos que presenta o seu filme, incluído o Festival de Cannes, no que, se ben non levou a tan prezada Palma de Ouro, si foi considerada para entrar en concurso. Tendo conta disto, parece que os 162 minutos de metraxe, que en principio poderían converterse nun atranco -non é doado en absoluto manter a tensión narrativa tanto tempo sen a estragar nin abafar ao espectador-, non prexudicaron á historia nin á recepción da mesma por parte do público máis especializado. 

Nas salas comerciais a cousa será diferente. Seguramente interesará menos, pero seguirá tendo unha boa acollida, non só polo sentido do humor, do que tanto se está a falar, mais tamén pola temática, que, obviamente, atraerá a moitas persoas. De que trata Toni Erdmann? É unha comedia ou un drama? Onde ubicala? Preguntarse iso é natural, na medida en que risa e congoxa son dúas caras dunha mesma moeda nese filme. Comedia aceda entón? Podería ser. O indiscutíbel, sen dúbida, é o seu carácter austero, contido e audaz, que nos permite mirar libremente. Sen manipulación de ningún tipo. Di Maren Ade que a risa nace da dor e pode que si. Como podería suceder o contrario. Nunca se sabe. 

O que si está claro é que nesta historia de amor entre pai e filla destaca, por riba de todo, a destreza narrativa da cineasta, que opta por filmar ao natural, tirando proveito da luz do día, sempre en perfecto equilibrio coa honestidade inherente ao relato, que, obviamente, opta pola claridade. Paga a pena acomodarse na cadeira para velo, en efecto.

Te puede interesar