Opinión

Un fermoso sol interior

Un beau soleil intérieur, ese é o título do filme dirixido por Claire Denis, con guión dela mesma e mais de Christine Angot. Nel podemos ver a unha Juliette Binoche en estado de gracia. A actriz interpreta a Isabelle, unha pintora divorciada, que, despois de varias relacións frustradas, decide buscar o amor. O de verdade. Un obxectivo comprensíbel pero difícil. Comprensíbel porque todas as persoas desexan recibir amor. Agora ben, que este teña de ser un amor de parella é unha esixencia ben concreta. Ademais, dadas as características da protagonista e dos potenciais partenaires cos que vai probando sorte a devandita procura devén complicada. Isabelle busca ese amor porque sente que o necesita, así é que emprende a busca partindo da carencia. Tendo conta disto, non elixe os candidatos coa calma necesaria polo que estes non resultan válidos. Ou ben a queren para pasar un par de semanas e convertela na súa amante ocasional, ou, aínda peor, rematan por se obsesionar con ela. Faise curioso observar como algunhas persoas poden chegar a obcecarse con este asunto ata o punto de dar por válido ao primeiro suxeito que se cruce no seu camiño e amose algo de interese. 

A verdade é que esta historia de Isabelle reflicte un pouco o drama emocional de bastantes mulleres cis, brancas e occidentais que, non contentas cunha vida en solitario, cren estar “incompletas” se non conseguen ese “status” que, polo visto, pensan que gañarían co triunfo amoroso. En todo caso, é posíbel poñerse a buscar o amor coma quen busca as chaves da casa?; Pódese atopar partindo dunha boa predisposición ou aparece, sen máis?; A quen se lle aparece, a alguén en concreto, con características determinadas, ou a calquera, de xeito fortuito?. Está claro que o ronsel de cuestións sobre o particular se presenta ante nós sen que consigamos obter unha resposta medianamente científica, verdade? Isabelle, farta das dúbidas constantes, acode a un medium, interpretado por Gérard Depardieu, que lle aconsellará non ocuparse dos demais, para centrarse nela mesma e buscar dentro un fermoso sol interior. 

Un fermoso sol interior? A que se refire con iso, parece pensar a protagonista ao repetir coma un mantra o de “Non me ocupo dos demais e busco un sol interior”, como se o propio feito de reproducir a frase varias veces lle permitise descodificar un significado oculto. E aí nos quedamos, con ese final aberto. Poderá entón Isabelle buscar e atopar ese seu sol interior sen saber exactamente o que é? E, moi importante, que é, finalmente, o devandito sol interior? Talvez unha especie de luz que levamos dentro? É esta luz unha que só conseguiremos despois dun duro traballo de autocrítica ?. A idea, segundo se pode inferir de toda esta comedia antirromántica, é aquela que xa expusera hai anos Jean-Paul Sarte ao respecto da responsabilidade, pois todas as persoas somos o que facemos co que fixeron de nós. De acordo con isto, Isabelle, ten a responsabilidade de xestionar as propias eivas, isto é, de sandar as feridas sen axuda de ningún amante, e poñerse en valor. Amarse para poder amar. Sobre todo porque o amor non se pide, dáse. Quen pode dar amor? Quen o ten. Para ter material amoroso que ofrecer cómpre realizar antes un traballo importante, que, lamentabelmente, non se aprende nas escolas: saberse por dentro, coñecerse e recoñecerse, gustarse para así poder gustar a outros. Un filme cunha temática sinxela, ben formulado e actual que gustará moito.

Te puede interesar