Opinión

"Une nouvelle amie"

Esa Virginie, que David -Romain Duris- leva dentro, florece cando vai con Claire polas tendas na procura de perfumes, roupa interior, produtos de maquillaxe... E todo iso coa famosa canción de Katty Perry, “Hot’N’Cold”, que se adapta perfectamente á escena. A verdade é que “Une nouvelle amie”, a comedia de François Ozon -“Dans la maison”, Concha de Ouro no Festival de Cinema de San Sebastian no 2012, “Jeune et jolie”, “8 Femmes”,“Gouttes d'eau sur pierres brûlantes”- , é luminosa e chispeante. O francés indaga novamente na ambigüidade e consegue arrincar máis dun riso. A historia de David/Virginie atrapa, porque é divertida. Audaz. Romain Duris, interpreta sen aspaventos, non só a a angustia de David, que se sabe partido en dúas metades, mais a explosión de ledicia que lle sae de dentro cando atopa, en Claire, unha amiga perfecta. O novo vínculo Claire/Virginie dá comezo pois a un interesante proceso de cambios, que afecta aos tres personaxes. I é que tanto David como Virginie experimentan un desexo novo: aproximarse a Claire, a amiga da súa esposa falecida. Atráelles dela a suavidade das formas do seu corpo, os acenos, o riso. Todo. 

Claire -unha ben contida Anaïs Démoustier-, pola súa banda, ansía un encontro sexual con Virginie, e, coma ela, séntese diferente. Renovada. De socato, descobre dentro dela, unha Claire distinta da que non soubo, ou non quixo saber, nada. Daquela, o proceso de “masculinización” de Claire é, máis ou menos, inversamente proporcional á “feminización” de David, que, co paso dos días é máis Virginie que outra cousa. Ocupado de cheo no disfraz, este home ambiguo disfrutará co ritual de transformación. Poñer laca de unllas, peitear as perrucas, colocar as medias -previa depilación- e calzar os zapatos é un pracer para el. Porén, co paso das semanas, esta metamorfose irá deixando de lado o caráter lúdico do principio para converterse nunha necesidade imperiosa. Virginie vai ocupando cada día máis espazo. Isto marcará tamén a Claire, que, ademais de disfrutar do xogo, comeza a necesitar a presencia constante de Virginie na súa vida. 

Esta historia queer ten un punto perverso que se fai ben atractivo. Non podía ser doutro xeito tratándose de Ozon, que continúa na liña de narrar historias singulares, e, á marxe de non ser esta a súa mellor peli -era bastante mellor “Dans la maison” ou “Jeune et jolie”-, segue sorprendendo. Está Ozon en estado de gracia? Certamente.

Te puede interesar