Opinión

Wonder Woman

Wonder Woman, o filme de Patty Jenkins, directora tamén de Monster, Just drive, Velocity Rules ou Entourage, entre outras, chegou nestes días ás salas de cinema comercial con bastante éxito de crítica e taquilla. Despois de vermos tanto superheroe masculino -Spiderman, Batman, Thor, Ironman, ou, o máis rancio, Capitán América- parece que imos ter a oportunidade de desfrutar dunha aventura en solitario da Muller Marabilla. Interesante! 

A verdade é que apetece contemplar a impresionante Gal Gadot dando saltos, freando balas e facendo fronte a diferentes perigos. A ver se rompen dunha vez en Hollywood cos tópicos sexistas e deciden continuar na liña iniciada por aquela fantástica Maléfica -dirixida por Robert Stromberg, no 2014-, con Angelina Jolie como protagonista, ou por Brave -codirixida por Mark Andrews, Brenda Chapman, Irene Mecchi e Steve Purcell-, unha rapaza afouta que se presentou sen medo para “competir pola súa propia man”. No caso de Wonder Woman temos un tándem perfecto. Por unha banda, contamos coa actriz israelí Gal Gadot, que xa aparecera en Batman & Superman, deixándonos con ganas de máis, e, pola outra, coa directora californiana Patty Jenkins, moi coñecida polo seu filme Monster, interpretado por Charlize Theron. Jenkins, que tamén dirixiu un episodio de Arrested development -The One Where They Build a House-, unha serie televisiva que recibiu varios premios Emy, non ha defraudar. Niso podemos confíar. Daquela, creo que moitas mulleres, igual de confíadas, acudirán ás salas de cine para ver a deslumbrante Gal Gadot no papel dunha muller moi poderosa. 

Wonder Woman non interesará por ser sexi, nin pola súa entrega amorosa, como adoita acontecer cos personaxes femininos que se ven nas pelis americanas. Interesará por afouta e forte. Tamén pola súa capacidade de axuda e pola seguridade que transmite. Trátase dunha princesa guerreira das amazonas, que, nun determinado momento, decide saír do seu refuxio -a illa na que que vive- para botar unha man nun episodio dos  máis terríbeis da historia, a Gran Guerra. Agora só queda ir ver o filme e desfrutalo a tope. Con imaxinación e sentido do humor é fácil deixarse enfeitizar. Non paga a pena resistirse aos encantos desta singular heroína. Para que? O cinema é tamén un pracer. Tiremos proveito diso e pasémolo ben.

Te puede interesar