Opinión

Xavier Bermúdez

De Xavier Bermúdez (Ourense, 1951) puiden ver, no seu día, León e Olvido, unha fita excelente. O premio ao mellor director no Festival de Cinema Independente de Ourense e o Globo de Cristal no Internacional de Karlovy Vary, da República Checa, non fan máis que corroborar o interese desta historia. Do mesmo xeito que Solas -boísima!- de Zambrano, León e Olvido consegue provocar unha rara angustia. Angustia polos problemas sociais que se traducen na vida da protagonista en forma de tristura discontinua -ás veces esta deixa paso ao humor, non sen certo temor polo seguinte golpe que intuímos que lle agarda- cun acedo sabor a fracaso. Rara, porque parece estar suspendida esta tristeza nunha especie de cápsula temporal da que é moi difícil saír. Bermúdez é un deses directores que presentan o real sen afectación. Ao meu ver, faino incluso mellor que Zambrano, que, nalgúns intres, proporciona ao elemento dramático un peso excesivo. Como consegue isto? Con humor. Neste sentido, vexo a Bermúdez na liña de directores franceses como o marsellés Robert Guédiguian, especialmente coñecido por Marius et Jeannette (1997). De Guédiguian ten esa chispa da risa, acadada con momentos de distensión, como o episodio en que León se exhibe diante dunha rapaza que lle gusta coa consecuente detención policial. Amais disto, Bermúdez parece ter, como o marsellés, unha certa inclinación por determinadas actrices e actores. Daquela, repite. Aí están, por exemplo, tres intérpretes da súa última fita, O ouro do tempo, que xa apareceran noutras anteriores: Nerea Barros -Nena, León e Olvido-, Marta Larralde -León e Olvido- ou Manuel Cortés -Rafael-. Curiosamente é Ernesto Chao, o protagonista deste novo filme, un dos que traballan por primeira vez co director ourensán. Chao, moi coñecido polo seu papel de Miro na serie Pratos Combinados, borda o papel. O actor galego -Premio de Honra Fernando Rey pola súa longa traxectoria profesional- ten oficio. Iso está claro. Malia se ter curtido no teatro, sabe mudar de rexistro, así é que se adapta perfectamente ao cine. Nesta ocasión debeu ser aínda máis sinxelo para el que outras veces, porque os diálogos desta nova peli de Bermúdez posúen un ton teatral que contribúe á sensación de estarmos varados, como o propio protagonista que, dalgún xeito, ficou metido nesa arca grande onde ten crioxenizada á súa muller, coa esperanza de a revivir, se se atopar a cura da enfermidade. O ouro do tempo é un filme para disfrutar con calma. Sen medo a pararse nas miradas dos personaxes e na súa respiración. Tamén para lembrar ao marabilloso actor Manuel Oliveira, “Pico”, falecido o pasado ano.

Te puede interesar