Opinión

Xela Arias

Dende a Plataforma feminista A Sega propúxose a candidatura de Xela Arias para o Día das Letras do 2019. Esta plataforma, que leva xa dende o 2014 intentando dar visibilidade ás autoras galegas co seu Día das Galegas nas Letras, fixo fincapé na calidade e interese da escritora e tradutora viguesa cuxos libros marcaron un antes e un despois na poesía galega. “Arias cuestionou os límites tradicionais impostos ao texto -afirmouse, hai anos xa, dende a Asociación de Escritores en Lingua Galega-, mediante unha labor creativa na que a provocación estivo initmamente ligada á reflexión fonda, lúcida e intelixente”. Esta afirmación, contundente e afouta, é totalmente certa. Aí está o seu polémico “Tigres coma cabalos” (1990) que a confirma. Neste libro a poeta sorprendeu a unha cultura galega un tanto conservadora coas imaxes realizadas por Xulio Gil nas que aparecía ela mesma

espida. No entanto, sería tremendamente inxusto reducir este efecto sorpresa a eses retratos e non facer mención da intensidade que rompe os poemas que nel figuran. Neles, Arias trata abertamente sobre un proceso de fractura estraño: o que se experimenta no espazo da sensualidade. Deita nos versos unha visión interesante do encontro amoroso. Concedendo total protagonismo ao corpo, convidounos á reflexión sobre a capacidade que este ten de se apropiar da linguaxe e revelar por tanto a nosa propia mudez, unha mudez tan antiga coma o mundo que adoitamos disfrazar con palabras. Palabras baldías, palabras que poden ensuciar o que os ollos berran, palabras que nos fan parecer diferentes diante dos demais, palabras que non son quen de abrirse, palabras covardes, temerosas. Xa non teño fala./ -escribiu- Despois de recorta-los verbos/ quedei sen lingua á que atender. 

Xela Arias espiuse ante nós por fóra e por dentro. Deunos algúns dos textos máis sinceiros da poesía galega de finais do pasado século. Coma Lois Pereiro ou Lupe Gómez, foi quen de radiografíar o abismo vivido nese estertor que deriva do desexo, tal cal se pronuncia na intimidade. Bramido tras bramido, arrastrando dende dentro dos pulmóns o aire para subilo á boca, retratou a vivencia da  devoración íntima e conseguiu envurullarnos no ruído do amor, na expresión literal da fraxilidade manifesta dos escualos encerellados nunha lea que semella non ter principio nin final. A noite, -exclamou noutro poema do citado libro- unha fráxil liorta de escualos... E aí estamos, coma tigresas, impacientes, agardando que se recoñeza a esta poeta que, coma Pereiro, conseguiu situarnos diante do espello para que puidésemos abrir a mentira en dous. A ver que pasa...

Te puede interesar