Opinión

Inverno ou deserto demográfico

Os días 22 e 23 de xuño celebrouse en Huesca o “II Congreso Nacional de Despoblación”. Cando un día antes La Región informaba de que “Europa aúna esfuerzos para frenar el declive demográfico, y los gobiernos locales analizan en Huesca los factores de la pérdida poblacional”, a Deputación de Ourense acudía ao congreso organizado pola FEMP. A lección teórica a sabiamos ao través do “Marco Conceptual” do Plan para a Dinamización Demográfica de Galicia 2013-16, horizonte 2020, onde as previsións dun continuado decrecemento poboacional galego, do conxunto de España e de Europa, en xeral, sinalan un horizonte demográfico preocupante que nos sitúa ante un problema estrutural sobre o que é necesario actuar. O envellecemento da poboación ten o aspecto positivo de confirmar que esta conta con maior esperanza de vida, pero confirma tamén que descende a natalidade.

É así que expertos en demografía falan xa de inverno ou deserto demográfico, indicando que a fecundidade está diminuindo moi por debaixo do nivel de substitución da poboación, sabendo que a taxa de recambio xeracional establece, como pouco, se rexistren 2,1 fillos/as por muller para asegurar ese recambio, cifra que en Galicia e España non se alcanza. Esta decadente transformación demográfica está relacionada con diferentes cambios sociais e económicos; cambios que están a ser seguidos por autoridades políticas da UE e pola Xunta, pois é urxente e imprescindible revertir a tendencia, tendo en conta que dela vai depender a sostenebilidade demográfica, socioeconómica e sociocultural das comunidades e países afectados.

Nesta liña, a Lei 3/2011 de apoio á familia e á convivencia de Galicia recoñece a familia como estrutura básica da sociedade e ámbito natural de desenvolvemento da persoa. De aí que as políticas familiares sexan peza central no obxectivo de revitalización demográfica. O éxito das medidas destinadas á dinamización demográfica vai requerir do impulso de todas as administración públicas e da sociedade en xeral. No noso entorno europeo tampouco están para alegrías; tendo en conta que Irlanda e Francia son os países con maior índice de fecundidade con 2,05 e 2,03 fillos/as por muller, respectivamente; cando na outra banda están Polonia, Rumanía e Hungría cos índices máis baixos da UE, con valores inferiores a 1,30 fillos/as por muller. España, cun índice de 1,36, sitúase no lugar 21 europeo. Non cumprimos os ratios desexados, en España e sobre todo en Galicia e Ourense. O éxodo rural, a mediados do século pasado, deu lugar a dúas situacións: despoboación no rural e envellecentemento dos que quedaron. Pois ben!, nestes momentos estamos diante dun problema de Estado. Xa non podemos quedarnos en simples postulados. Cumpre tomar medidas e orzamentos diante dun escenario crítico: o medio rural español perde 5 habitantes/hora. 120 habitantes menos/día e 135.500 habitantes menos no último trienio. Son datos, cifras tan elocuentes, que nos din que a loita contra a despoboación é unha política de Estado. Reconforta escoitar en Huesca á comisonada do Goberno fronte ao reto demográfico, a ourensana Miri Barreira, que “por primera vez, este tema, está en la agenda política nacional, las ciudades no pueden vivir sin pueblos”.

Estamos, pois, nun círculo vicioso: despoboación tradúcese en depresión económica; esta conleva máis despoboación. O deserto demográfico custa diñeiro, sobrecuste para cuidar ao territorio despoboado; un sobrecuste ao prestar servizos en zonas de baixa densidade e alto envellecemento. E fixándonos no medio rural, constátase envellecemento crecente da poboación agraria, con dous tercios das explotacións (66%) teñen un titular con máis de 55 anos; problema de relevo xeracional no sector, xa que diminúe tamén a porcentaxe de titulares con menos de 35 anos.

Problemas comúns, diagnosticados, postulados; pero, sen medidas, todo será “aguas de borrajas”. As veremos noutro artigo.

Te puede interesar