Opinión

Reforma da Lei de Saúde de Galicia

Foi anunciar a reforma da LSG –Lei 8/2008- e xa comezar a poñer berros no ceo, partidos e políticos da oposición: “Desmantelamento e diminución da calidade asistencial da sanidade pública, desaparición do Hospital…”, din. Pola contra, o xerente do Hospital Valdeorras, afirma: “Non cambia nada e consolida un modelo que coa outra Lei non estaba…” Eu creo que deberíamos aplicar o pronóstico do “Sentido da medida como proba de intelixencia”.

Co tempo percorrido dende a entrada en vigor da LSG, Lei 8/2008, ninguén ignora que existe unha nova realidade social –factores xeográficos, socioeconómicos, demográficos, epidemiolóxicos, de accesibilidade-, que fan que o modelo territorial vixente da Lei 8/2008 estea superado; e aínda máis trala asunción de normativas posteriores como o Decreto 168/2010 de creación das Estruturas Organizativas de Xestión Integrada (EOXI). De maneira que temos que superar a problemática situación actual –sobrevida a Lei e o Decreto-  con 11 Áreas, 7 EOXI, 14 Hospitais comarcais, que non se axustan ao desenvolvemento da estrutura organizativa e crea deisfuncións.

Dito o anterior, contemplando nestes días contestacións, en forma de concentracións, onde os descontentos argumentan que a reforma traerá desmantelamento da sanidade, diminución da calidade asistencial, etcétera, teño que decir que a modificación e actualización da lei é necesaria, despois de dez anos, para garantir e ampliar o sistema de saúde publico, ademais dunha eficiente utilización dos recursos e atención aos pacientes. Que se saiba e quede claro, que se trata dunha modificación administrativa para adaptar a reforma lexislativa á organización territorial das EOXI. Co cal as Áreas sanitarias serán sete, coincidindo con número de EOXI actuais. Os catorce distritos sanitarios serán a nova figura legal, o que permitirá blindar por primeira vez por Lei a existencia dos Hospitais comarcais. E, coa creación do distrito sanitario, este será o marco de referencia para a coordinación da atención primaria, hospitalaria e sociosanitaria; e estará ligado á existencia do Hospital do seu ámbito xeográfico. A área sanitaria consolida o modelo das EOXI para facilitar o acercamento dos profesionais aos pacientes. En resumo: a reforma da LSG non altera en absoluto a asignación de médico ou de hospital, que na actualidade corresponde a cada paciente.

En Ourense, a reforma blindará por lei os hospitais comarcais de O Barco de Valdeorras e de Verín, cos seus respectivos distritos sanitarios; xa que, como antes mencionamos, os distritos sanitarios serán a nova figura legal, que permitirá amparar por primeira vez –repito, por Lei- a existencia dos hospitais comarcais. Así, no caso do hospital de Verín, facilitou máis de 68.000 actos asistenciais levados a cabo por profesionais do CHUO. Non se altera, en ningún caso, o actual sistema de contratación, asignación de médico ou de hospital, etc.

Estamos diante, coa reforma da LSG, da consolidación dun modelo, que a actual lei non recollía, o que permitirá por Lei a movilidade dos facultativos para desprazarse dende o hospital da Área ao hospital do distrito. Non teñamos que recordar que diante de reformas necesarias, para a sostenibilidade do sistema, algúns son progresistas para os logros xa alcanzados; e reivindicativos conservadores para os que hai que alcanzar. Chegado o momento non queda outra que lexislar ou/e reformar, que case sempre atopa contestación.

Te puede interesar