Opinión

Os traballadores falecidos en San Cosme

O sábado 28 de abril foi un día prolífico de eventos diversos, importantes e contrastados en Ourense: Inauguración da LV Feira do Viño do Ribeiro, entrega de premios da MITEU, Festa do Socio dunha Federación veciñal, celebración dos sesenta anos de fútbol do Arenteiro, Torneo OpenGolf de Galicia Ourense Provincia Termal, Olimpíada nacional de Mus…, pero destaco ao que tiven a honra de acudir representando á Deputación de Ourense: o recordo-homenaxe aos traballadores mortos nas obras do túnel de San Cosme-Abelenda, no concello do Irixo, para que non queden esquecidos. Recordei, para a ocasión, a sentenza de Séneca: “A recompensa dunha boa acción é facela”. Nun acto sinxelo, aínda que moi emotivo, consistente nunha homilía litúrxica e o descubrimento dunha estatua, a “Asociación de Veciños de San Cosme”, xunto co concello, rendéronlles homenaxe a todos aqueles veciños que morreron debido aos efectos secundarios ás obras do túnel ao paso polo territorio, entre os anos 1955 e 1960. O custo en vidas humanas faise imposible de esquecer, xa que por accidente laboral debido a esmagamentos e, sobre todo, a silicose polas escavacións no túnel , unhas oitenta persoas -no mellor momento da vida-, entre os vinte e cinco e corenta anos de idade,  “comezaban a pórse enfermos e morrían”, como así  o describiu unha veciña diante dalgunhas viúvas e familiares dos mortos daquela traxedia. É o caso dun concelleiro do Concello do Irixo, afectado como fillo, que tiña once anos cando o seu pai morreu con trinta e cinco. Unha pena!

Na liturxia, unha  veciña en nome dos familiares, pronunciou alto e claro e cunha carga de sensibilidade para a ocasión: “Vale máis tarde que nunca. É certo!, pero todos  os días recordamos ás víctimas desta desgraza, tan unida a esta parroquia e arredores, que por acadar un mellor nivel de vida familiar sen ter que emigrar, ao tempo que estaban traballando nas obras ambicionadas que, a cambio de benestar, falecían”. Mellores infraestruturas e modernidade nunca deberían ser motivo de traxedias humanas e, ademais, con repercusión familiar. Traballaban os homes e as mulleres levaban adiante os labores domésticos e o coidado dos fillos, que a época era máis dada a familias numerosas… Pero todo trocou! Morrían os homes, non se sabía ben a etioloxía da enfermidade, e, mentres, as viúvas tiñan que pórse á fronte de toda a situación familiar. E, como sempre ocorre en semellantes situacións, saíron, xa fora máis ou menos comodamente, adiante. E o 28 de abril, algunhas das viúvas e fillos, xunto coa veciñanza e outros que acompañamos, recordamos xuntos por un momento que non só “non quedaron no esquecemento”, senón que fixemos un recoñecemento á perpetuidade coa colocación dunha estatua de pedra de tamaño real, da imaxe dun mineiro.

Houbo palabras cheas de emoción e cariño pola parte do presidente da Asociación Veciñal de San Cosme, do alcalde do Irixo e do representante da Deputación, institución que colaborou co concello para perpetuar o recordo cunha estatua. Palabras sentidas, pois non en van o progreso, coa creación de novas infraestruturas, en tempos precarios en condicións sanitario-laborais, levaban consigo enfermidades, que se coñecían despois do seu efecto devastador coa morte da persoa. Aínda non pasou moito tempo dende que, cando falabamos de silicose, mirabamos cara ás minas de carbón asturianas; e resulta que tiñamos esas patoloxías aquí ao lado e case ou sen sabelo; coa diferencia de que a explotación das minas duraba máis anos, e no túnel de San Cosme só foron cinco anos, pero suficientes para causar estragos mortais. Tamén dixen que ningunha obra ou infraestrutura, por moito benestar e comodidade que nos poida dar no presente e futuro, nunca ten que ir “acompañada” cunha morte humana pola súa causa. E rematei agradecendo aos veciños e concello que invitaran, nun día tan sentido, á Deputación. Son dos que pensa, como o poeta, que “recordar é volver a vivir”; e deixar ao lado e sen efecto, a turbia filosofía pola que “se se oculta o problema, este non existe e todo vai ben”. Non debe ser así! O que si, é o deber que nos corresponde en afondar na prevención das condicións sanitario-laborais de determinados traballos. Avanzamos moito, pero non debemos baixar a garda e estar vixiantes.

Te puede interesar