Opinión

Conversas con Bibiano

Estiven cadrando con Bibiano (Bibiano Adonis Morón Jiménez) dous ou tres veráns coa idea de artellar un libro de conversas, fatalmente posposto. Fatalmente porque, aí me doe, xa nunca vai ter remate. Quédanme unhas cantas fitas, gravadas ao aire de Ferrol, Santiago, Madrid e Vigo, contendo a palabra tenra, retranqueira, apaixoada dun home vitalista (adoitabamos parolar ao redor dunha táboa ben abastecida) que fixera tantas cousas na súa vida que ben merecía máis que un volumen unhas obras completas.  Con efecto, Bibiano (santiagués de 1950, tres meses máis novo que min) fora neno cantor (de escolanía), cantante de orquestras, membro de Voces Ceibes (onde entrara, o que me honra, da miña man),obreiro metalúrxico cantautor de éxito, productor, impulsor da movida viguesa, compoñente do grupo Tren Vigo, empresario hosteleiro e mil cousas máis que fixera este home bulidor como un esquío, falangueiro, xeneroso, xentílisimo, de quen aprendín moito porque Bibiano era mestre na universidade da vida (a que me faltaba). 

Bibiano vén de morrer, inesperadamente, con esa capacidade treidora que ten a Parca cando non avisa. Morre Bibiano un día de Nadal con anticiciclón en Galicia, el, puro ciclón que ía pola vida a fume de carozo. E eu estou moi triste, xa non polo aviso que esta morte depara (que tamén), senón por canta vida se me vai co Bibi. Xunto con Miro Casabella o grande referente da “nova canción galega”. Bibiano, o pioneiro do “folk-rock” (inmensa a súa versión electrificada de “Negra sombra”), Miro Casabella, a voz, a zanfona, a guitarra do noso folclore posto ao día. Bibiano, ademais, logo dos “long-plays” exemplares da Transición, decisivo aquel “Estamos chegando ao mar”, chegara aos “hit-parades” de España, nun fenónemo semellante ao de Andrés do Barro. Este máis comercial, Bibiano Adonis máis en plan canción “qualité”. 

Foisenos Bibiano a ese lugar onde non pode triunfar o esquezo. Non mentres quede xente que ame a beleza, a paixón, o compromiso con este país pequeno, verde e melancólico mais no que medra, como cogumelos após da chuvia, unha caste de homes bulidores e feitos para a loita. Eis Bibiano Adonis Morón Jiménez, un artista da cabeza aos pés, ao que quen nos dera dar clonado. Bibi: un bico e unha flor.

Te puede interesar