Opinión

Dylan ergue o Nobel

Eu non sei se Dylan irá a Estocolmo recoller o Nobel. Espero que sí. Por máis que logo retrate nunha canción tan memorable como "Day of the locust" a pompa e máis a circunstancia do acto. Se non non sería Dylan, ese cronista impecable do tempo que lle tocara vivir. Hoxe tan mudado que mesmo unha Academía nada resesa, xa se ve, é quen de outorgar premio tan opíparo a quen se ten definido non como poeta, letrista, músico ou novelista senón, simplemente, como un “bailarín”. O que vindo de quen sube aos escenarios, segue facéndoo, en actitude estática (nin sequera extática) non deixa de ser unha camuflaxe máis. E é que Dylan é un camaleón, un auténtico Bob Esponxa, un tipo que bebe de todas as fontes e vai deixando pegadas na neve polo seu camiño. Aquel Dylan que homenaxea ao seu mentor, Woody Guthrie, cunha canción de música roubado a este ou que fai dunha vella canción dos Apalaches o seu tema máis versionado hoxe, "Blowin'in the wind". Tan versionado que mesmo se canta nos ofertorios das misas dominicais españolas. Que mimetiza folk (electrificándoo), rock (devolvéndoo ás silveiras), góspel (con el máis bíblico que nunca). Que é quen de reinventar a Sinatra con cancións tomadas do seu repertorio. E máis e máis ata non dicir nunca ata aquí temos chegado. 

E agora a pregunta consabida: ¿debe a Academia Sueca outorgar o Premio Nobel de Literatura a un cantautor? A miña resposta: pode, debe e -sobre todo- quere. Porque dentro de cincocentos anos cando poucos lembren a moitos gañadores do Nobel e ollo, que este galardón nunca ten errado, as cancións de Dylan aí seguirán, ainda que atribuidas -talvez- ao pobo. Que esta, supoño, era a o anseio do primeiro Dylan, o que vai de Minnesota a New Jersey, bater cun Woody Guthrie ferido de morte, asulagado xa pola doenza dexenerativa. Aquel Dylan que inverna en Nova York, lendo canto lle cae na man. Lector compulsivo como nos conta no seu "Chronicles 1", ese volume de memorias inmenso, pura canela finísima. E quen le, vive, e quen vive, ama, e o restante -cando hai talento- virá só. 

Polo demais seguro que Dylan nunca aspirou ao Nobel, e iso sabendo da súa sabencia poética de poeta “beat”, de novelista do surrealismo automático, vid, "Tarántula", de cronista aceirado da América que lle tocou vivir. A que asasinou a JFK, e con el todo aquel soño. Que é cando Dylan se electrifica e comeza esa “vita nuova” que non será senón o comezo de moitas vidas novas. Todas ata chegar a hoxe en que os dylanitas, motísimos, aprendemos que Dylan vén de gañar o Nobel co que non é que Academia Sueca honre a Bob Dylan, senón que é Bob Dylan quen, erguendo o Nobel, honra el á Academia Sueca. Calen, xa que logo, quen asolagan as redes con prantos e saloucos. 

Dylan non é menos que os demais candidatos. É outra cousa. Pregúntenllo á Joyce Carol Oates, eterna aspirante ao Nobel, debedora de "It's all over now, baby blue". Por exemplo.

Te puede interesar