Opinión

A paixón de Seidel

Debuxar para facer memoria, atrapar coas liñas e as cores un espazo urbano para facelo propio, erguendo formas para lembranzas, as súas, isto é o que Isabell Seidel, fai en Ourense en ‘Tempo’, a exposición do Mº Municipal. Nacida naquela Lübeck da República Federal Alemaña da Guerra Fría, fronteiriza polo mar Báltico coa comunista R.D.A., chegou en 2013, dende Cádiz, para vivir en As Quintás de Rouzós. E baixa á cidade capital dende os Chaos de Amoeiro para debuxar as rúas e casas, o ar do lugar, arredor das igrexas de Santa Eufemia e Catedral, e as prazas, a Maior, a do Ferro, o parque de San Lázaro. Da monocorde insistencia de captar a esencia xurde ‘Na rúa’, a primeira exposición, xaneiro de 2014, no Marcos Valcárcel. Tecendo unha rede de espazos, naquela cafetería, ou nunha vella tenda, vai cosendo un mundo no circundo central de Ourense, con Santo Domingo e a rúa peonil do Paseo, e a súa relación coa xente, engadindo xentes camiñando, ou sentadas nas terrazas que, máis alá do recurso á escala, son os necesarios vultos da vida. 
O seu é unha captación realista dun recuncho ou ambiente, un concerto urbano con figuras bosquexadas. Os Urban Sketchers son a súa orixe, dende a reunión de 2011 en Lisboa. Son unha sorte de O.N.G. de artistas do mundo que debuxan como acto colectivo nas cidades onde viven e nos lugares aos que viaxan, e logo comparten na net. A intensa relación con eles, e a súa relevancia na organización propicia a xornada do Sketchcrawl International en Ourense. Así nacen os Cadernos para debuxo, que elaborará cando se introduce na encadernación. Cos Urban Sketcher acude ás xuntanzas lúdicas nas que compartir técnicas. 

Ela, e os seus amigos, presentaranse a concursos de pintura rápida, nos que Seidel acada premios: Noia, en abril deste ano, e en xuño de 2015, Barro/ Pontevedra. En febreiro pasado gaña coa súa ilustración o concurso do carnaval municipal de Ourense: globos-monifates saíndo dunha caixa nunha praza redonda, un motivo en picado da nosa praza maior con un ollo de peixe como obxectivo que debe moito á fotografía da súa parella, Víctor Jesús Carvajal Mosquera, de Ourense, co que que ven dende Cádiz. El é o seu substrato aquí, o da decoración efémera no Nadal pasado no escaparate Catchalot, e das súas exposicións na Galería Sargadelos do Ferrol, en decembro de 2015, e un ano antes na Fundación Vicente Risco de Allariz e na cafetería cultural El Cercano. 

A intensidade coa que Seidel se insire nesta terra vese completada con Nicolás, o primeiro fillo, e Hannah, en xaneiro de 2016. Neste ano, ten a exposición do Municipal, centrada no seu núcleo de cidade e realizada na casa-taller coa fotografía de Carvajal de base, moi avanzada xa en outono... Tralas obras que duran seis meses inaugúraa en catro salas e 91 obras, un proxecto compracente dende a curadoría. A acuarela, coa que leva apenas un lustro, e o debuxo dos Cadernos de Viaxe, reflicten a súa paixón, e pon ante os ollos dos que as contemplan o valor dunha cidade dourada. 
 

Te puede interesar