Colección Alterarte na Fundación Risco de Allariz

Obras de Jº Andrés Santiago Iglesias e Mar Caldas.
Obras de Jº Andrés Santiago Iglesias e Mar Caldas.
Colección Alterarte na Fundación Risco de Allariz

Achegámonos á presentación do libro “Estado Crítico3 11curador*s 11artistas”, que recolle as mostras celebradas na Sala Alterarte do Campus de Ourense da Universidade de Vigo entre finais de 2015 e primeiros meses de 2018. Feito cos materiais aportados polos curadores das once mostras á Difusora de Letras, Artes e Ideas que o edita para a Universidade coa axuda da Xunta. Xosé Lois Vázquez, coa elegancia e coidado coñecido, está detrás da elaboración destes catálogos dende a primeira hora. O libro, bilingüe, ábrese cunhas palabras de Virxilio Rodríguez, anterior vicerreitor, e a lembranza de Manuel Moldes (+2017) e Berta Cáccamo (+ 2018), profesores e artistas, mortos no contexto temporal deste terceiro proxecto. O mundo Alterarte vai á Fundación Vicente Risco, Allariz, sendo a primeira vez que sae da cidade de Ourense. Nos baixos do edificio exhíbese a mostra montada por Filemón Rivas Conde, xestor de actividades culturais, e curada polo profesor Xosé Manuel Buxán Bran, director de Alterarte, e a súa "anima mater" dende as orixes.

Aquí están as obras doadas polos artistas que expuxeron en Ourense no marco de 'Estado Crítico3'. Elas conforman a terceira achega dunha colección que está a medrar e prestixia á Universidade. Antón Castro co artista Fernando Casás; Yolanda Barriocanal e Javier Blanco, do campus ourensán, que comisariaron respectivamente a Ramón Conde e Mónica Oliveira, pasando por Lola Dopico/ Melania Freire, Alberto Ruíz de Samaniego/ Eduardo Outeiro, Almudena Fernández/Paz de la Calzada, Juan Luis Moraza/Juan Fernando de Laiglesia, Ana Soler/José Andrés Santiago Iglesias, Anne Heyvaert/María Prada e Ignacio Barcia/Luis San Sebastián. E con eles, Buxán e Mar Caldas. Foron propostas creativas diferentes, con artistas de traxectorias dispares polo mundo e distintas orixes xeográficas, e de varias xeracións, algúns maiores como Casás ou De Laiglesia, até Freire, graduada en Belas Artes fai uns anos. 

Resulta así desta volta unha mostra novidosa no espazo expositivo da fundación alaricana, que abrangue tanto unha daquelas obras que os artistas amosaron nas súas exposicións, doadas á universidade, como as que elixiron con posterioridade para ese destino. Así Ramón Conde entregou un debuxo, Casás o díptico “Agua para Hubble 63 y 64”, 2015, e Santiago Iglesias “The original true colour series Superdeluxe Edition IV”, de 2013, unha sobranceira composición co papiroflexia na base. Elas comparten a sala con fragmentos de "Carpet diem" de Paz de la Calzada ou "Seis fisterras de auga", elaboración para o novo Campus da Auga por De Laiglesia. Dende a liberdade, sen intromisións ou censuras, e contando con un aporte económico para a produción dual dos proxectos, o artista e o comisario-curador. Un iter a destacar na impostura dos tempos. Eis o estilo universitario do Campus de entender as manifestacións artísticas contemporáneas máis alá da temporalidade bimensual. Dende o concepto matricial da sala da UVigo, moito máis segundo Buxán que un contedor de artes visuais o un expositor de obras, para converterse “nun dispositivo en permanente muda para inventar todo tipo de pezas, montaxes, escenarios, reflexións, instalacións, etc.”. O camiño de agora coa dirección da vicerreitora Esther de Blas achegándose a novos públicos. Alterarte on road.