Paula Noya, en Alterarte

Paula Noya, en Alterarte

Vive e traballa a artista lucense Paula Noya en Madrid, onde ten o seu fogar. Como ela, todos nacemos nunha familia e nunha terra, na que botamos raíces. Por veces, mudámonos cos nosos pais a outras cidades, e noutras ocasións por estudos, somos nós os que pasamos a outras terras, para quedarmos nelas. Disto ben a nostalxia adulta, pois botamos de menos a xente e o mundo no que habitamos os primeiros anos. Da reflexión deste afastamento e separación, incluso da morte, extrae a artista o cerne da súa proposta expositiva na sala Alterarte, no campus ourensán da UVigo. A mostra é a segunda do programa Estado Crítico 4, dez curadores dez artistas 2018-2020. Paula convirte o seu espazo, polas súas dimensións, nunha sala de estar domestica, que aproveita para expresar, como unha catarse, o seu 'espazo de desagarraigamento'. Ise é o fío condutor. Ante todo as 'Ausencias', á dereita da entrada, coas fotos da familia Rois Noya. Esta manchea de fotografías en branco e negro, deconstruídas e con quebracabezas que tapan / descobren nelas as ausencias. Estas son o devir, asentando o novo camiño dende a aceptación da dor, a construción dun cuarto de estar novo no porvir, onde a vida xermola, e coas presenzas anteriores aínda activas. O proceso relatase en vídeo, inserido a seguir das fotos, enmarcado en dourado como todas elas: eis o mundo do pasado con marco, a modo dunha aura. 

Enfronte daquela instalación coas maiorum imagines, a artista expón grandes debuxos, tres sobranceiros  novelos a lapis que enchen a parede co seu gran tamaño, que falan de espazos pechados, impenetrables e baleiros, dende os finos fíos de metal e as texturas, un deles de cadea, e un cuarto de arame de púas, noutra parede. Son esféricos, e con coidadas tramas de mallas furadas e ocas. Na distancia curta aprécianse neles vellos rastros do lapis, aínda visibles, como as marcas que son as cicatrices da vida. 

Resta a parede principal da sala, o centro da exposición. A instalación desenrola con claves poéticas o abandono do fogar, un mundo que se estraga invadido polas cascudas, que se moven polos sendeiros invisibles das humidades ata o chan e as paredes veciñas. Un coxín dourado aboia no decorativo papel de motivos dourados xeométricos e vexetais. No interior burgués o bordado son versos de María Mariño Carou (1907-1967): '¡Son aquela!, sempre soia que paseaba a ribeira a ver si nela afogaba', o seu mar noiés da infancia un motivo recorrente agora que vive no Folgoso do Courel... E o cabo do fío queda atado. Paula, de apelido Iglesias Rois (Lugo, 1969), é profesora do IES Galileo Galilei, Madrid, e autora de 'Identidades y latidos', 2014, tendo feito coa curadora Paula Cabaleiro (Cangas do Morrazo, Pontevedra) '(En) la sutura invisible' na IVª edición de Mujeres mirando a mujeres, da que sae o de 'Enfiar a agulla para atravesar a ferida', frase coa que Cabaleiro une os dous proxectos expositivos, con complicidades persoais con Paula Noya. E desde Palabra no Tempo, 'Hoxe, onte do meu contento!', as cascudas son prateadas...