Opinión

Para a fonte de Ana Manana

Deixamos aquel neno que foi Quessada tocando a frauta no lombo do gran moucho viaxando cara o solpor e despedíndose da infancia, para encontrarse co fauno que fixera con Manzano, que o chamaba dende a beira esquerda do Barbaña. Entre ámbalas dúas obras, está a da serea, tamén dos dous amigos. Eis o mito expresado a modo de viaxe simbólica co cambio de orientación da primeira das estatuas. Convén comentalo de novo pois temos aquí unha historia que pode ser fábula nun devir non moi distante dada a desmemoria da nosa época.


Mais xa que aludimos a persoeiros mitolóxicos na contorna daquelas pequenas augas, que tentan cobrar vida dende o maxín dalgúns artistas, falemos agora dunha verdadeira lenda, que ven dunha morea de séculos, e que se orixina a carón da gran auga, a do pai Miño, nunha fonte na altura do Pozo do Meimón. O mencionalo invocamos a historia medieval da cidade e o lutuoso suceso acaecido cun Bispo, episodio de grande significación na loita polas liberdades. Por elo, ben puidera chamarse a ponte peonil máis propiamente Ponte do Pozo de Meimón, pois a memoria da historia pode e debe ser mestra do noso tempo.


Aquí se sitúa a fermosa e significativa lenda de Ana Manana. Esta era a Raíña dunha fonte preto do Pozo do Meimón, na estrada de Ourense a Castrelo. ¡Ana Manana!, ¡Ana Manana!, ¡Ana Manana!, por tres veces chamouna un home para darlle un queixo con picos, encargo ó que se comprometera ante un señor moi luxoso -como recolleu Risco-, que o abordara cando ia de camiño a Castela para segar. Ela a cambio lle daría un tesouro que o faría rico. Mais o home pasa antes pola súa casa, e a súa muller morde un extremo do queixo sen que il se dese conta, e cando a Raíña se fai presente trala invo cación, dille que xa non pode haber trato daquela pois o queixo non era tal senón un cabalo branco, que agora está coxo, e xa non se pode ir nel. Enrabechada por ter que quedar na fonte dálle un regalo: un refaixo para a muller, mais o home ponllo antes a unha sobreira que había alí, que comezou a arder de contado, co que salva a súa dona e con ela á súa casa. A historia pode lerse, recreada polo colectivo Crisol nunha publicación da editorial A Nosa Terra de 2001. Noutra variante da lenda o queixo é pan, que serve para desencantar as tres irmáns, marchando nos cabalos dúas, e quedando a terceira Ana Manana, xa que non pode facelo por faltarlle o extremo restante ó pan. Non é pois algo local: baixo o eufónico nome de Ana Manana se agacha nada menos que Epona, a deusa celta gala, a Señora por excelencia da terra e dos cabalos, deusa do máis aló. E aínda que Risco non penetrou no misterio da historia, foi quen de transmitila, lenda que debe ser coñecida e valorada. Como a fonte que aquí había, que se debía tentar recuperar.


Augas arriba puxo Arturo Baltar no Parque Miño a pequena serea que imaxinara dándolle o peito ó neno, idea fundida por Manolo de Buciños; e entre a Chavasqueira e o Tinteiro colocou Manzano unha grande para que se bañase nas augas cando sube o caudal. Mais todas son do maxín dos artistas, obras novas sen o apoio dun tema preexistente, como o de Ana Manana, a Raíña que vive na mencionada fonte. Hipogrifo violento, /que corriste parejas con el viento quédate en este monte, donde tengan los brutos su Faetonte, como lle di a Rosaura de Calderón en ‘La vida es sueño’.



Te puede interesar