Opinión

Cartas sen selo

 

«O título VIII da Constitución está abolido, todo por unha serie de leis, que se non tivesen controlado o Tribunal Constitucional terían que ser declaradas anuladas». (Xosé M. Beiras, entrevista na revista Luzes, nº 48). 

Hai poucos días liamos un artigo de Alba Nogueira, “El mito de la España casi federal” (Agenda Pública-el Periódico, 10-12-2017),  no que analiza con sumo rigor a incesante recentralización competencial do Estado. Convén lelo devagar e extraer conclusións, no canto de deixarnos embobar polos alumados do Nadal.

A cobiza recentralizadora dos dirixentes do partido do goberno está tan esluída no seu ADN, e avezounos tanto na perversidade e na intransixencia que, para arramplarlle competencias ás comunidades autónomas e aos concellos, nin se molestan en maquillarlle o rostro á Constitución. E, o que é máis grave, para xustificar as súas pretensións, nin sequera perden o tempo aprobando novas leis orgánicas de harmonización do proceso autonómico. Para os seus obxectivos élles dabondo a simple ocorrencia.

Semellante centrifugado do reparto competencial, a pau seco e sen suavizante, é tan teimudo que, para mutilar os chanzos angulares do corpo xurídico que configura as administracións territoriais, este Goberno mesmo se vale de inauditas ordes ministeriais –ou circulares gobernativas– sen que ninguén lle requira a bendición do poder lexislativo. E esta falcatrúas tamén florecen, mercé ás capas de verniz que lle aplican submisos pintores de brocha gorda, con pousadoiros no poder xudicial.

Pero o que debería arrepiarnos o corpo é ese rostro inerte do PSOE de Pedro Sánchez que, despois de trocar o “no es no” polo “si guana”, turra do carro, sen xemer, canda Rajoy e Rivera, para dilapidar xuntos a esencia das comunidades autónomas e dos concellos –e polo mesmo prezo, outros dereitos básicos– mentres aqueloutros partidos que deberían pórlle paus nas rodas, confórmanse con fotografar crepúsculos nos anoiteceres, sen pararse a pensar que hai noites que poden durar unha eternidade.

Ah! O meu tío Lisardo pregunta se esta secura que chamusca o que pilla diante, non acabará desposuíndonos da nosa condición de cidadáns, ata converternos en súbditos dun sistema que, á parte de estar podre, xa comeza a feder a algo máis.

Te puede interesar