Opinión

Axotadores de elefantes

“Vaia risa inspirada na nosa época, que é cómica porque perdeu todo o seu sentido do humor”. (Milan Kundera, a propósito da súa última obra, "A festa da insignificancia").

Un empregado municipal deses que entran daquela maneira –xa me entendes!-, adscrito ao “Servizo de control da fauna en lugares públicos”, abandonou a súa parsimonia e púxose a deambular pola Praza Maior, facendo que facía, para que ninguén coidase que lle amargaba traballar. Foron moitos os que, ao cruzar por diante da consistorial, observaron estupefactos como o enchufado, sen saber nin porque si nin porque non, camiñaba sen tino, chascando os dedos arreo. Un transeúnte, deses que nunca levan présa, non resistiu a curiosidade e, acercándose ao tal, preguntoulle se padecía algunha doenza nos dedos ou se o seu estraño comportamento se debía a algún duro castigo do xefe de servizo. O fulano, xemendo coma un boi, díxolle que chascaba os dedos para axotar os elefantes. Ao advertirlle o tocagüevos do veciño que nunca vira elefantes na praza, o outro respondeulle con malas pulgas: Se non os hai é porque os axoto eu, chascando os dedos!

O conto vén ao caso despois de que, hai cousa de dás semanas, na súa toma de posesión, o novo delegado do Goberno en Galicia afirmase, sen inmutarse, que a súa principal prioridade sería combater o terrorismo. Outro máis axotando elefantes na Praza Maior!, comentou abraiado o fulano que tivera a ocasión de pillar aquel paxaro pintando a mona á mañá cedo nas inmediacións da consistorial. O seu arrepío medrou de xeito descomunal ao observar na televisión como os lambecricas de sempre, aproveitando o taco das once –vino español, nesta ocasión- lle daban os parabéns ao anfitrión, gabándolle o seu interese por acabar con esa malura que tanto nos preocupa aos galegos.

Os problemas de Galicia seica non é o desemprego, nin a crise, nin as infraestruturas que nunca chegan, nin a corrupción, nin farrapos de gaitas. Non, non, que va! A principal preocupación do Goberno central é puramente escatolóxica: hai que atallar como sexa a insoportable invasión de elefantes que fan de corpo nas baldosas da Praza Maior.

A pesar dos abriles que levo enriba sigo padecendo o pasmo esencial de ver como a estulticia acaba producindo en determinados individuos unha especie de catarro mental, capaz de facerlles crer que somos tan imbéciles e escuros que, a día de hoxe, aínda podemos comungar con rodas de muíño do tamaño da catedral de Santiago.

Ah! O meu tío Lisardo agarda impaciente un informe do pequeno Nicolás para saber quen foi o autor dun discurso tan atinado. Sería cousa do ministro do ramo, sería unha brincadeira do emanuense que lle redactou o discurso, ou sería creación libre do tal das polainas? Ai señor, señor!

Te puede interesar