Opinión

Os deturpadores das ansias e das palabras

“Por fin saio á rúa e boto a bolsa nun dos colectores verdes. Antes de volver ao portal, deixo que o vento varra o cheiro e afaste o noxo instalado na miña gorxa”.
(Os elefantes de Sokúrov, Antón Riveiro Coello).

Menos mal que os actuais gobernantes e os seus malpocados sustentáculos, malia o enorme valor que os imbúe, carecen da argucia necesaria para prorrogar o ano 2017, porque, se puidesen, alongarían o tempo outro tanto, para seguir emboutando unha folla de servizos que, nin sequera coas artimañas que practican, se podería presentar como algo digno do máis elemental merecemento. Talvez por iso, porque levan demasiado tempo argallando falcatrúas, é polo que se atreverían a enfiarnos outro ano máis o mesmo almanaque, e así seguir amoreando palleiros de perversión, no canto de esparexer grans de bondade para eclipsar tanta indecencia acumulada. 

Iso é o que parecen, escambróns retortos tecendo cadabullos infranqueábeis. E iso é o que son, badulaques especializados en xogos malabares, afeitos a gastar os días soltos en tollerlle as pernas á democracia e aos dereitos conquistados, para evitar que a xente normal ande pola vida con normalidade. Son samesugas empostas a zugarlle sesenta minutos a cada hora e gastalos en receitarlle antídotos envelenados á sociedade, para poder gozar vendo como as doenzas da xente do común se van transformando en escuras metástases. En fin, son seareiros do testudo vademécum «quen paga, manda», diplomados en estercar a malura ao tempo que fabrican as pílulas que nos fan tragar, malia tratarmos de fuxir coa boca pechada, porque o que menos lle importa son os malditos efectos secundarios.

Vaise indo o ano e canda el vaise o énfase das palabras máis importantes do silabario. Liberdade, igualdade, xustiza... xa non significan nada. Estas mentes tan reviradas cacaréxanas tantas veces ao día como días ten o ano, ata conseguir que as aborrezamos. E así é como as van chamuscando e desposuíndoas do seu auténtico significado. Só protexen unha escura entelequia que lle chaman legalidade.

Ah! A piques de rematar o ano seguimos apampados, por iso o meu tío Lisardo nos recomenda que no que vén nos poñamos algo repugnantes, aínda que só sexa para esixirlle aos nosos representantes que, antes de botar a lingua a pacer, aseden a gorxa cunha dose de normalidade, para non deturpar máis o significado real das palabras. 

Te puede interesar