Opinión

Pedro, ou... Pedro (Sánchez)?

“Os Estados uma vez que costruem, selecionan e identificam un inimigo que é funcional adotam un caráter esencialmente conservador e, portanto, são resistentes a avançarem con a sua substitução total por um ator novidoso” (“Vidas culpáveis ”, Borxa Colmenero).

Que queres que che diga, a min este Pedro Sánchez non me chista un carallo. Moito trapalatrá, moito cacarexar co Aquarius ou co Val dos Caídos, pero... á hora da verdade, nin fu nin fa. Moito Borboneo por aquí e bastante si bwana, señora Merkel, por acolá. Aqueloutro, o de antes, oh, era como era. Nunca a rañou e fartouse de azacotar a corrupción. Pero... canto riamos coas súas lerias, carafio! 

Home, unha cousa non ten que ver coa outra. Eu que sei, pero... Pedro, á parte de tarabelo xa hai quen di que é un pouco “apijotado” –será por cartos, xuíz Llarena!– Vaia, Sánchez é coma un deses lambidos que, ao entrar nun garito, o primeiro que fan é cuspir nos dedos e acicalar a cabeleira. Non por nada, ho, só por aquilo de que a orde establecida, con razón ou sen ela, debe reinar in saecula saeculorum, no mapa enteiro. 

Os de Madrid sonche así, amigo. Para entendelos hai que madrugar. Pero... ese tal Pedro é un frouxo, un espantadizo, un mexericas deses que sempre fuxe, aínda que ninguén o axote. Así que, cando un ten o medo metido no corpo, aínda que pareza que non quere, ou que non pode, ou que lle faltan as habilidades, o que fai é facer que fai, ho; que vén sendo algo así como lavarlle o testo ao pote para que semelle que hai limpeza. Pero... cando o destapas, o que sae de dentro é un bafo inconfundíbel, cheirando a nabos cocidos, coma sempre. Pois iso, unha chisca de aseo na cociña, unha bola de alcanfor no peto, e aí acabouse o conto. Coma sempre.

Ah! Di o meu tío Lisardo que, para entender a estes políticos nunca lle debes mirar cara os ollos, nin lerlle as raias das mans, porque de primeiras sempre parecen o que aparentan; pero... cando os pillas descoidados e lle furgas na carteira, entón, xa sabes quen vai pagar os vasos. Así que, se alguén quere coñecelos, ou fai un master conceptual de peiteados, ou empolla as obras completas de Kierkegaard. E aínda así, xa veremos. Porque, un madrileño que enfía o cabelo cara a adiante e, de súpeto, lle pega unha reviravolta cara atrás, facéndoo derrapar á dereita, non é máis ca un neo ortodoxo, doutorado en contos chinos, cuxa única pretensión é camiñar cara ningures, ou vender como grandes cambios os mínimos necesarios, para que nada mude e todo permaneza. 

Te puede interesar