Opinión

Primeiro, concelleiros impotentes. E despois?

O essencial é saber ver,/ Saber ver sem estar a pensar,/ Saber ver quando se vê,/ E nem pensar quando se vê/ Nem ver quando se pensa”. (O gardador de rebanhos, Alberto Caeiro).

Cómpre madrugar moito e andar finos de orella para non esnafrar os fociños contra o paredón infranqueable que, dende hai tempo, decidiron construír os devastadores da orde natural das cousas, sen licenza nin aquiescencia dos que posúen a soberanía decisoria. Paxaros extravagantes, da familia dos láridos, que gozan elevando os decibeles do seu cacarexo ata aloular ao respectable público, para que buligue ao ritmo da súa música aburrida, estrépita, decadente.

A malicia que subxace na reforma da lexislación electoral, empurrada polo Partido Popular –disque aparcada, non desbotada- para arramplar con máis alcaldías das que lle outorgaría a norma vixente, leva implícito o perverso obxectivo de degradar o sistema parlamentario xeral que, ata agora, sustentaba a democracia do Estado español.

Baixo a falacia de que non deben gobernar os perdedores, os promotores da reforma tentan aviar un sistema, mediante o cal se consolidaría definitivamente o goberno dos xefes dos partidos, a través de persoas submisas interpostas, que se someterían ao referendo da veciñanza. Así, para ser alcalde, abondaría o apoio de 2 de cada 10 cidadáns maiores de idade, que vén sendo o 40 por cento dos votos sobre unha participación do 60. Polo contrario, a elección do alcalde pola maioría dos concelleiros sería o resultado de artimañas dos despachos. Mais cando os concelleiros elixen sen pestanexar aos deputados provinciais, previamente designados polos xefes dos partidos, ou cando aqueles escollen ao presidente da deputación, que se proclamou candidato a si mesmo, entón estamos ante o exercicio da democracia en estado puro.

E aí chegamos onde estamos. Primeiro aburriron á veciñanza, enchendo os telexornais con bobadas sobre austeridade, recortes, corruptos, imputados e dixomedíxomes, ata que enchoupar na xente o noxo contra a política, para revolverlle o estómago a tododiós. Logo, Rajoy promete reducir un 30 por cento o número de concelleiros, sen variar a cifra actual, ata afirmar, sen inmutarse, que foi quen de reducir os soldos dos alcaldes, gastando bastante máis. E, finalmente, chámalle “elección directa dos alcaldes” ao que o meu tío Lisardo denomina o raposeiro método da dedocracia participativa, mediante o cal o proposto por tres ou catro, e elixido por uns cantos, será representante de 10 de cada 10; e os concelleiros electos representarán, en ningures, á súa propia sombra e á maioría sen representación.

Ah! A meada vai ficar a remollo uns días, ata ver se unha chisca de xabón do PSOE é capaz de facela branquexar.

Te puede interesar